Este luns comeza unha nova fase nas obras de reurbanización de San Andrés
Os avances nas obras de reurbanización de San Andrés permitirán ao Concello da Coruña a partir deste luns adiantar unha nova fase dos traballos previstos, que afectarán única e exclusivamente á sección comprendida entre as rúas Pastoriza e Perillana, no carril que vai en dirección á praza de Pontevedra.
Neste treito, e ao igual que xa se fixo anteriormente no sector de San Andrés onde arrancou a fase inicial das obras, o Concello acometerá a renovación integral da rede de saneamento. Isto suporá, en termos prácticos, o paso previo á reconfiguración deste treito en sintonía coa futura imaxe de San Andrés, que terá forma de plataforma única, un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado e, ademais, barreiras vexetais que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas. Estas últimas tamén se renovarán e ampliarán, con novas lousas de granito.
A concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, precisou que, nesta nova fase da intervención sobre San Andrés, "a circulación de vehículos en dirección á praza de Santa Catalina seguirá estando habilitada", dado que os traballos só se efectuarán, polo momento, no carril e a beirarrúa que conectan as rúas Pastoriza e Perillana. Desta forma, e por agora, seguirá sendo posible circular en dirección a Santa Catalina e xirar á dereita, posteriormente, rumbo aos Cantóns.
A edil destacou "o compromiso do Goberno de Inés Rey para avanzar nas melloras de San Andrés coa maior axilidade posible, atendendo sempre ás necesidades da veciñanza e dos profesionais do sector comercial". Por este motivo, os traballos na sección oeste de San Andrés, comprendida entre Santa Catalina e a praza de Pontevedra, irán levándose a cabo de forma progresiva, para minimizar o impacto e alteracións ás e aos residentes e comerciantes.
Toda a información sobre as obras de reurbanización na rúa San Andrés poden consultarse a través desta ligazón. Tamén na icona informativa habilitada na APP Coruña.