Este luns, 8 de xullo, actuarán no Atlantic Pride o Rabelo e Nenaza, Meiga-I e Morreo
Este luns, 8 de xullo, o Atlantic Pride da Coruña estrea o escenario da Praza de Pontevedra para celebrar a súa segunda xornada de directos, da man de O Rabelo e Nenaza, Meiga-I e Morreo, mentres que as pinchadas aos pratos correrán a cargo do dj S.Alma.
Neste sentido, Meiga-I ofrecerá un percorrido pola memoria LGTB+ galega, para coñecer a historia diversa da nosa terra, a través de monólogos, percusión tradicional e canto en directo. Pola súa banda, O Rabelo e Nenaza convidarán ao público a non deixar de bailar coa súa proposta conxunta, que mestura a música tradicional galega con ritmos como o reguetón, o tecno, o neoperreo e o funk favela. Finalmente, Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.
Programa do luns 8 de xullo - Praza de Pontevedra (20.00 a 00.30 horas)
20.00 horas - S.Alma
21.00 horas - O Rabelo e Nenaza 22.00h Meiga-I
22.30 horas - Morreo / 23.30 horas - S.Alma
Sobre os artistas
O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar.
Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.
Meiga-i é unha personaxe performática resultado da mistura do folk galego coa linguaxe drag para crear unha auténtica fantasía galega. No seu monólogo musical, a drag pandereteira conta e canta a historia de liberación dunha coitada criatura que padece de posesións folclóricas. A través de monólogo, percusión tradicional e canto en directo, ademais de interactuar e divertir, intenta divulgar co seu exemplo e, se consegue facer reflexionar, marcha contentísima.
A súa fantasía amosa unha creación que non esquece a simboloxía e a tradición propias, con mensaxe e vocación contemporánea contra o “cosmopaletismo” e as marmuradoras. Meiga-I reinterpreta ao seu xeito e introduce na súa narración música pop, tradicional e fusión galega. Mesturando alegría e seriedade, a artista percorre temas como o autodescubrimento, o legado das cantareiras, os prexuízos, a empatía, a amizade, a historia diversa... Actualmente, a súa fantasía está en proceso de facerse música nun EP de ritmos tradicionais, electrónicos e optimistas.
Morreo iniciaban a súa andaina musical e sentimental en 2019 tras coñecerse nunha cita de Tinder. En pandemia compuxeron os 11 temas de Fiesta Nacional, un debut co que se fixeron un oco en medios como El País, RTVE ou Jenesaispop e visitaron festivais como o Low ou o Contempopránea. Alzáronse co prestixioso Premio Rock Villa de Madrid e foron seleccionados para actuar na canle de YouTube dos Grammy.
Con dous discos ás súas costas, pódese dicir que Morreo reinventouse co seu novo álbum, Alegría (2023), un espertar da xuventude e o hedonismo, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís. Pero, tamén, sons lo-fi románticos, rumbas disco, samples e letras cheas de costumismo e alegría. Un catálogo de pop iberoamericano corido e luminoso.