Estas son as actividades do Concello de Oleiros polo 25N

ACoruñaXa
Accións de sensibilización, obradoiros e eventos educativos marcan a programación do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
oleiros 25N
19 Nov 2024

O Concello de Oleiros suma un ano máis a súa voz ás reivindicacións do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha completa programación de actividades centradas na sensibilización, a educación e a visibilización desta problemática social.

Entre os días previos ao 25N, están a representarse nos CEIPs municipais Luís Seoane, Isidro Parga Pondal, Juana de Vega e Rabadeira o contacontos Ámome, que aborda a loita histórica das mulleres polos seus dereitos e as vivencias arredor das violencias machistas. Ademais, ata o 5 de decembro, desenvolveranse obradoiros e Puntos Violeta en IES e CEIPs, orientados a educar en igualdade e a previr a violencia dende a base.

O tecido empresarial e asociativo tamén pode colaborar coa campaña municipal a través do distintivo En pé contra a violencia de xénero, dispoñible na Concellería de Servizos Sociais e Igualdade ou en Villa Echeverry. Este distintivo, que tamén se pode solicitar en formato web, busca involucrar empresas e asociacións na promoción da igualdade.

O 23 de novembro, Oleiros participará na andaina As Mariñas din NON á violencia de xénero, organizada polo Consorcio As Mariñas. Esta marcha terá un percorrido circular de 5 km, con saída ás 11:00 horas no Polideportivo de Guísamo, en Bergondo.

O propio 25 de novembro, o Castelo de Santa Cruz iluminarase de violeta como símbolo de apoio á loita contra a violencia de xénero.

Entre outras iniciativas, o 26 de novembro terá lugar un obradoiro no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo dentro do programa Coñecerse é vivirse, destinado a promover o auto-coñecemento e un estilo de vida saudable nas mulleres. As inscricións están abertas ata o 21 de novembro a través da web municipal.

O 28 de novembro, durante o Pleno Municipal, o alumnado de 6º de primaria do CEIP Rabadeira será o encargado de ler o manifesto conmemorativo do 25N. Por último, o 15 de xaneiro representarase a obra de teatro Golpes, dirixida ao alumnado dos IES, que aborda a violencia de xénero desde a perspectiva dunha adolescente.

O Concello de Oleiros reafirma así o seu compromiso coa igualdade e a loita contra todas as formas de violencia machista.

0.14109396934509