Estas son as actividades de Sada polo 25N
O Concello de Sada, a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Emprego, impulsa un programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro. Baixo o lema "Sada de Fronte contra a Violencia de Xénero", o municipio organiza unha serie de actos de sensibilización, culturais e participativos para involucrar á cidadanía na loita contra a violencia machista.
O programa arranca o 23 de novembro coa XI Andaina contra a Violencia de Xénero, que sairá ás 11:00 horas do traxecto entre Guisamo e Bergondo. O propio 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ás 18:30 horas, na Capela de San Roque terá lugar a lectura da declaración institucional, que será seguida ás 19:00 horas da proxección de curtametraxes sobre a violencia de xénero.
A mocidade tamén terá un papel destacado no programa, cunha proxección de curtametraxes nos centros de ensino de secundaria entre o 18 e o 28 de novembro. Ademais, o 13 de decembro, ás 19:00 horas, presentarase o libro "Sempre libres e vivas" de Uqui Permui na Capela de San Roque.
O Concello tamén colabora na campaña "De fronte" da Deputación da Coruña, que se desenvolverá do 18 ao 30 de novembro, co obxectivo de sumar forzas na loita contra a violencia de xénero e a favor da igualdade.
Con este conxunto de actividades, Sada fai un chamamento á súa veciñanza a posicionarse "de fronte" contra a violencia de xénero e a contribuír á construción dunha sociedade máis igualitaria.