Esta é a programación de Nadal en Ordes: alumeado, música, carreira de San Silvestre e a cabalgata dos Reis Magos

ACoruñaXa
O Concello presenta actividades para todas as idades, que inclúen teatro, música, visitas de Papá Noel e a tradicional Cabalgata de Reis
tarxeta-nadal-recurso
2 Dec 2024

O Concello de Ordes xa ten preparada a programación para celebrar o Nadal, con actividades pensadas para o disfrute de toda a familia. O calendario inclúe desde espectáculos de teatro e música ata eventos tradicionais como a visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis.

As celebracións comezan o venres 20 de decembro coa "Festa de Nadal", que terá lugar no Pavillón Castelao I ás 17:00 horas. A programación cultural arranca o luns 23 na Casa da Cultura con "Monstros no Camiño", unha obra de teatro a cargo de Ghazafelhos, ás 18:00 horas. O martes 24, Papá Noel percorrerá as parroquias de Ordes e recibirá as familias nunha caseta situada na vila, desde as 10:00 horas.

As actividades continúan o xoves 26 con "Cabicivai!" de Pablísimo, e o venres 27, Cristian Leggiero e Paty Lesta achegan música co seu espectáculo "Cantando con Pinocho", ambos ás 18:00 horas na Casa da Cultura.

Para rematar o ano, o 31 de decembro terá lugar a San Silvestre, cunha carreira popular que sairá da rúa Entreparques ás 12:00 horas. Xa en 2025, o xoves 2 de xaneiro preséntase "Circanelo", un espectáculo de circo danza de N+1 Teatro. O venres 3, Pakolas e Laura Romero despedirán a programación con "Ramona Órbita. Cores, contos e rock".

Como gran colofón, o 5 de xaneiro celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis. Durante a mañá, os Reis Magos visitarán as parroquias, e a partir das 17:00 horas serán recibidos na Alameda, onde tamén haberá un concerto de Gramola Gominola e un Apalpador Especial Nadal na carpa situada na zona.

⚙ Configurar cookies
0.27799510955811