Esta é a programación de actividades da UDC para o Día da Ciencia na Rúa deste sábado
Este sábado celébrase na Coruña o Día da Ciencia na Rúa, promovida polo Concello da Coruña a través dos seus museos científicos, e que terá lugar no parque de Santa Margarita en horario de 11.00 a 19.00 horas. A Universidade da Coruña, xunto aos seus centros e servizos, participará cunha ampla oferta de actividades e obradoiros.
En total serán 9 carpas da UDC, das 62 que estarán coas que contará o Día da Ciencia na Rúa e que estarán repartidas polo parque con centos de actividades ao alcance de todos os públicos. Ademais, tamén haberá xornada de portas abertas nos museos científicos coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae).
Programa da UDC para a xornada:
Así, desde a Universidade Senior da UDC, as docentes Araceli Serantes e Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, participarán coas actividades que traballaron co alumnado durante o curso. Por unha banda, en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente, explicaranse os procesos para a elaboración de compost e microscopios. Así mesmo, ofreceranse pequenos retos matemáticos para dar a coñecer persoeiros a través de xogos, puzzles e recursos de matemaxia.
A Cátedra Emalcsa-UDC organizará unha serie de actividades que teñen como principal obxectivo presentar de maneira didáctica os diferentes usos da auga para a produción de enerxía, tales como unha nora hidráulica, unha máquina de vapor, ou o proceso de electrólise, e se presentará o proxecto COAWA.
A asociación de estudantes “Iniciativas Culturais de Deportivas Universitarias” (INCUDE), levará xogos de taboleiro e lóxica sinxelos (como tángram, crebacabezas de madeira, catro en raia, etc.) para que a xente se achegue a xogar durante todo o día.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC), levará á rúa unha ampla axenda de actividades adaptadas para persoas con discapacidade: talleres de circuítos e luz, xogo personalizado, adaptación para a xeración de imaxes con IA, coches robot con volante adaptado, modelado de personaxes 3D, xogos de realidade virtual, Nintendo Switch adaptada, piano musical, etc.
O Grupo de Divulgación Científica e Innovación Docente UDCiencia d+i participará cunha serie de obradoiros sobre o ollo humano, os cromosomas de Hansi, enerxías renovables e educación ambiental.
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos propoñerán diversos experimentos para mostrar o mundo da enxeñaría civil, amosando como funcionan as estruturas de formigón, como se deseñan as celosías nas pontes, os arcos de dovelas, ou mesmo os ferrocarrís.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA) levará talleres de biomedicina, nanociencia e sostibilidade, nos que os máis pequenos poderán cambiar de cor compostos químicos, probar algas mariñas, deseñar as súas propias bacterias, ou mesmo extraer o ADN dun plátano, entre outras actividades.
A Facultade de Ciencias ofrecerá así mesmo obradoiros sobre biomoléculas, especies invasoras, microplásticos e calidade do aire.