Entrevista á Asociación Gallega de Bujutsu Sosei: "Comezamos cos Cursos de Autoprotección e sempre con lista de espera"

Por Amanda Fernández
En que momento se atopa a práctica das artes marciais? E o auxe da defensa persoal Coñecemos á Asociación Galega de Bujutsu Sosei, con sede na Coruña, da man do seu secretario e monitor, Ibán Fernández.
Como e cando nace a Asociación Galega de Bujutsu Sosei?
Os ensinos de Bujutsu Sosei comezan en Getafe no ano 1987, da man dos Mestres José Antonio Valcárcel e Herminia Benito. Ambos reciben os seus ensinos do Mestre Yuichi Negishi; co seu beneplácito, organizouse e adaptaron nunha soa escola cinco disciplinas chamadas Bujutsu Sosei (Karate-Do Sosei kai, Shinkyoku-Ryu TaiJitsu e Iaido Myata-Ryu e como complementarias o Keibo Jutsu e o Taiho-Jutsu).
A súa idea foi englobar todas elas sen alteralas individualmente, pero que á vez servisen para enriquecer ao alumnado, de maneira que un practicante de Bujutsu Sosei, pode adestrar calquera delas de forma individual, e complementar o seu estudo co paso dos anos no resto das disciplinas que o compoñen.
No ano 2011 un grupo de “Artistas Marciais” (xa practicantes de Bujutsu Sosei) xuntáronse para seguir os ensinos do Soke José Antonio Valcárcel e o seu Bujutsu Sosei e para iso crearon a Asociación Galega de Bujutsu Sosei. No ano 2024 créase dentro da Asociación o Club Karate Bujutsu Sosei afiliado á Federación Galega de Karate.
A actividade da Asociación desenvólvese só na cidade dá Coruña ou tamén noutros puntos?
Desde hai uns anos e grazas á nova directiva da Asociación comezamos a traballar na difusión do Bujutsu Sosei por diferentes camiños. Realizamos numerosos 'Cursos de Autoprotección' en colaboración coa concellería de Deportes do Concello da Coruña, con diferentes Asociacións de veciños e Comerciantes da cidade da Coruña.
Tamén organizamos Seminarios de Verán aos que aacoden mestres internacionais do Bujutsu Sosei e levamos uns anos dando clase de Bujutsu Sosei nas Escolas Deportivas Municipais da Coruña. Esta tempada comezamos cun novo proxecto en colaboración coa Sociedad La Juventud de Cecebre no Concello de Cambre. En Galicia tamén temos monitores impartindo clases de Bujutsu en Sarria e en Santiago de Compostela.
Que tipos de actividades no ámbito das artes marciais se imparten?
Impartimos Defensa Persoal desenvolta dentro do programa de Bujutsu Sosei. A nosa escola é a agrupación dos 5 estilos de arte marcial comentados anteriormente. É moi difícil atopar fóra do Bujutsu Sosei algunha opción similar que abarque todos estes estilos nomeados xuntos.
O noso mestre en paz descanse 'Soke Valcárcel' reuniu as 5 escolas e profundizou nelas ata levalas á Defensa Persoal. Durante moitos anos estivo a ensinar esas técnicas aos Corpos de Seguridade do Estado e Seguridade Privada.
A nivel xeral, en que momento se atopan as artes marciais na vosa contorna?
Non hai máis que ler e escoitar as noticias diariamente para saber que máis que nunca se necesita ter algún coñecemento de Autoprotección, e iso só se consegue coa práctica e constancia na súa aprendizaxe.
Cando me preguntan que técnicas ou que Arte Marcial é mellor para defenderse sempre lles digo o mesmo: “a que practiques”. Nós desde hai anos que comezamos en Coruña cos Cursos de Autoprotección e sempre con lista de espera, era moi raro que non quedase sempre persoal sen poder vir.
Persoalmente creo que demanda hai, o que non hai son horas ou sitios onde poder dar esas clases en horas nas cales lles sexa máis factible vir á xente. Este mesmo luns 10 comezamos cun novo horario 20.00 a 21.00 horas para tentar abrir un pouco máis o Bujutsu á xente.
Diría que a defensa persoal ten maior acollida nas mulleres?
Os desprazamentos forman un dos piares básicos dentro da defensa persoal. É moi complicado chegar a esquivar un brazo ou gañarlle as costas a un agresor sen un correcto desprazamento. Para min é fundamental e moi necesario o aprender a realizar os desprazamentos correctamente. Sobre se hai máis interese nas mulleres ca nos homes, pois depende, pero vou dar uns datos, en Cecebre son todas Mulleres, nas escolas deportivas a maioría son mulleres, e cando damos os cursos de autoprotección o 95 % dos participantes son mulleres.
Que estereotipos hai arredor das artes marciais?
O principal é o de toda a vida que se pensa que aqueles practicantes de calquera Arte Marcial ou deporte de contacto son persoas agresivas e nada máis lonxe da realidade. A práctica de calquera dos estilos de artes marciais transmite valores totalmente en contra da violencia.
Cales son as citas máis destacadas no calendario da Asociación?
Este mes de marzo tanto en Cecebre como na Coruña temos días de portas Abertas para todo aquel que queira probar o noso estilo de Defensa Persoal. Despois, en setembro, realizamos un Curso de Bastón Policial onde acoden mestres e alumnos doutros estilos. Ademais, estamos acando de preparar un novo curso de Defensa de Arma Branca, que agardamos poder presentar entre abril e maio.
Que logros salientables acadou a Asociación ao longo dá súa traxectoria?
Partindo da base que se comezou sen nada e cando digo sen nada é sen nada, por non ter, non tiñamos nin sitio onde adestrar. Agora xa o temos e, o poder difundir os nosos coñecementos dentro do Bujutsu Sosei en diferentes localidades, persoalmente creo que é moito.
Estar dentro das Escolas Deportivas Municipais da Coruña é un orgullo e un aliciente para seguir traballando en algo que non apaixona como é a Defensa Persoal de Bujutsu Sosei
Que consellos darías a alguén que estea interesado en iniciarse nas artes marciais ou na defensa persoal?
Que atope un centro onde practicar que sexa cómodo que teña constancia e non preguiza; que teña paciencia e aprenda os fundamentos básicos da defensa persoal; que non só é defensa persoal, é exercicio, deporte e saúde; e, sobre todo, que aprendan cun monitor colexiado e con licenza federativa, por desgraza hai moito mestre de “Youtube-Do”.