Entregan dúas vivendas rehabilitadas no centro histórico de Betanzos

ACoruñaXa
A rehabilitación destes inmobles, situados nas rúas Cortaduría e Venela de Clérigos, contou cun investimento de máis de medio millón de euros
allegue_betanzos_vivenda_rehabilitada
9 Out 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, entregou hoxe dúas vivendas rehabilitadas no centro histórico de Betanzos como parte do Programa Rexurbe. A rehabilitación destes inmobles, situados nas rúas Cortaduría e Venela de Clérigos, contou cun investimento de máis de medio millón de euros. Con esta entrega, o Goberno galego suma xa 13 vivendas recuperadas en Betanzos grazas a este plan, en funcionamento desde 2017.

Durante o acto, a conselleira subliñou a importancia destas rehabilitacións, cualificándoas como exemplares, feitas con "mimo e calidade". Ademais de ofrecer fogares dignos, Martínez Allegue destacou que estas iniciativas contribúen a revitalizar o casco histórico de Betanzos, dinamizando a economía local e mellorando a convivencia veciñal. O Programa Rexurbe ten como obxectivo adquirir inmobles nos conxuntos históricos para a súa rehabilitación ou construción de novos edificios en solares baleiros. As propiedades resultantes destínanse ao alugueiro social, facilitando o acceso a unha vivenda digna e accesible.

En Betanzos, a Xunta xa rehabilitou ou está a traballar na recuperación de 17 inmobles, cun investimento total de 5,5 millóns de euros, o que permitirá poñer á disposición da cidadanía 22 vivendas e 3 locais comerciais. Ata o momento, xa se entregaron 13 vivendas, mentres que outras 5 están en proceso de rehabilitación e 2 pendentes de licitación. A nivel galego, o programa Rexurbe ten adquirido 93 inmobles en distintos centros históricos, con plans para obter arredor de 165 vivendas e 13 locais comerciais, cun investimento superior a 17 millóns de euros.

Ademais de Betanzos, o plan está activo en Mondoñedo, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilalba. Martínez Allegue tamén destacou o compromiso da Xunta coa rehabilitación en Betanzos, onde se están a realizar investimentos adicionais a través da Área Rexurbe, a Área de Rehabilitación Integral (ARI) e o programa Barrios, con asignacións que superan os 700.000 euros para a recuperación de vivendas no casco histórico. Ademais, as parroquias de Requián e Tiobre, situadas no Camiño Inglés, tamén forman parte das áreas beneficiadas por estes programas de rehabilitación.

0.20735383033752