Enrique Urcola destaca a importancia dos enxeñeiros na reforma da Fachada Marítima da Coruña

ACoruñaXa
O presidente do Colexio de Enxeñeiros propón melloras para os peiraos, a integración porto-cidade e a mobilidade no seu comparecencia ante a comisión especial
Imaxe da Comisión Especial da Fachada Marítima do venres 13 de setembro
13 sep 2024

Francisco Jorquera, portavoz do BNG e presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, cualificou como “moi interesantes” as achegas presentadas esta mañá por Enrique Urcola, presidente do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, durante a súa comparecencia na comisión.

Despois das intervencións de Martín Fernández Prado e Carlos Nárdiz, presidente do Porto da Coruña e autor do informe da UDC sobre a transformación dos peiraos interiores, a de Enrique Urcola foi a terceira comparecencia programada nesta comisión.

Jorquera destacou que a exposición de Urcola subliñou a relevancia do papel dos enxeñeiros na configuración da fachada marítima. “Urcola lembrounos a importancia do papel desempeñado por destacados enxeñeiros na definición dos Xardíns de Méndez Núñez e da Avenida da Mariña, que son exemplos de como a integración porto-cidade pode gañar espazo público para a veciñanza”, afirmou Jorquera.

O presidente do Colexio de Enxeñeiros tamén presentou suxestións sobre a transformación dos peiraos do porto interior, orientadas a garantir que o porto continúe mantendo as súas actividades produtivas. Este enfoque está en consonancia co obxectivo do BNG de preservar a función portuaria. Urcola propuxo potenciar a pesca e destacou a importancia de incorporar unha nova fachada marítima que mellore a mobilidade na cidade e a comarca, coa proposta de establecer un intercambiador de transportes na área de San Diego e recuperar o transporte marítimo na ría.

Outra cuestión abordada por Urcola foi a necesidade de encontrar solucións financeiras para a débeda da Autoridade Portuaria, de maneira que non se condicione a definición da nova fachada marítima. O presidente do Colexio tamén se referiu á reordenación do bordo litoral, desde a praia de Oza até a Pasaxe, e subliñou que “a participación dos enxeñeiros é fundamental en calquera actuación no litoral, considerando as dinámicas costeiras e a posible suba do nivel do mar”.

Jorquera concluíu que as achegas de Urcola foron realmente “moi interesantes” e contribuíron de maneira significativa ao debate sobre a transformación da fachada marítima.

0.1734139919281