Empresas da provincia poderán optar a 80.000 euros nos Premios PEL 2026

A Deputación da Coruña anima ás empresas da provincia a concorrer á nova edición dos Premios PEL 2026, unha convocatoria aberta ata o 12 de maio e dotada con 80.000 euros para recoñecer iniciativas destacadas pola súa innovación, sustentabilidade, capacidade de creación de emprego ou traxectoria empresarial.
A deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, lembrou a importancia destes galardóns durante unha visita a Espazo Nature, en Razo (Carballo), un proxecto de turismo sostible que foi distinguido na edición de 2025 como exemplo de emprendemento innovador no rural.
Durante o percorrido, García destacou que propostas coma esta demostran que o rural ten futuro cando se aposta por modelos de negocio ligados ao territorio, á innovación e ao respecto polo medio ambiente. Segundo sinalou, o PEL naceu precisamente para apoiar empresas capaces de xerar emprego de calidade e contribuír á dinamización da economía local.
Espazo Nature está situado entre a praia de Razo e a lagoa de Baldaio e ofrece unha proposta turística baseada na integración coa contorna natural e no benestar das persoas. O complexo incorpora medidas como o uso de enerxías renovables, a eficiencia enerxética e a elección de materiais respectuosos co medio.
Ademais do seu valor ambiental, a Deputación salienta que este tipo de proxectos axudan a crear emprego e a fixar poboación no territorio, converténdose nun exemplo de como o emprendemento pode contribuír á revitalización do rural.
Rosa Ana García subliñou tamén que nesta edición se incrementou a dotación económica dos premios co obxectivo de facilitar que máis empresas dean o paso e presenten as súas candidaturas. 'Na provincia hai moito talento e moitos proxectos que merecen visibilidade e apoio', afirmou a deputada, que fixo un chamamento especial ás iniciativas empresariais do rural.