Emerxencias e Policía Local de Sada intensifican as actuacións polo temporal da borrasca Ingrid

O persoal da área de Seguridade Cidadá do Concello de Sada (Servizo de Emerxencias Municipal e Policía Local) leva varios días mobilizado por mor das incidencias asociadas ao paso da borrasca Ingrid. Entre as intervencións máis habituais figuraron avisos por cableado no chan, árbores e postes derrubados, así como desprendementos puntuais de elementos en fachadas e tellados, derivados das fortes rachas de vento.
Desde o Concello destacan que, malia o volume de chamadas rexistradas, non foi preciso lamentar feridos nin tampouco danos de consideración. A situación enmárcase nun episodio de mal tempo que deixou centos de incidencias en Galicia, con numerosos servizos relacionados coa caída de árbores e problemas na rede eléctrica e viaria, segundo balances do 112.
O goberno local agradeceu a colaboración da veciñanza e insistiu en que a prevención é clave para minimizar riscos, especialmente mentres se manteñen activas diferentes alertas meteorolóxicas. O Concello lembra que, ante calquera emerxencia, a recomendación é chamar ao 112 e seguir a información que se vaia actualizando a través das canles oficiais.