Educación e sostibilidade danse a man nunha xornada de portas abertas no IES Francisco Aguiar

ACoruñaXa
O centro educativo de Betanzos reunirá o 16 de outubro alumnado, familias, profesorado, empresas e cidadanía para falar de economía circular e responsabilidade ambiental
BETANZOS ies francisco aguilar xornadas sostenibilidade
Imaxe dunha xornada anterior
12 Oct 2026

A educación como ferramenta para avanzar cara a un futuro máis sostible será o eixo do Encontro de Sostibilidade do IES Francisco Aguiar, que abrirá as súas portas o próximo 16 de outubro para compartir coa comunidade educativa e coa cidadanía os proxectos e iniciativas que se desenvolven no centro.

A xornada celebrarase na Sala Xulio Cuns, de 18.00 a 20.00 horas, e estará aberta ao alumnado, profesorado, familias, empresas e a todas aquelas persoas interesadas en coñecer o traballo do instituto arredor da sustentabilidade.

Baixo o lema de coidar o planeta desde a educación, o encontro pretende converterse nun espazo de diálogo e intercambio de ideas no que diferentes sectores da comunidade poidan reflexionar sobre algúns dos principais retos ambientais da actualidade.

Entre os asuntos que se poñerán sobre a mesa estarán a transición ecolóxica, o consumo responsable, a xestión dos residuos e a economía circular, ademais do papel que poden desempeñar os centros educativos como motores de cambio social e ambiental.

O IES Francisco Aguiar quere aproveitar esta xornada para dar a coñecer de primeira man os proxectos sostibles que se están a desenvolver no centro e, ao mesmo tempo, abrir un espazo para que alumnado, familias, profesorado e axentes do contorno poidan achegar propostas e novas ideas.

A iniciativa busca así ir máis alá da actividade académica e implicar a comunidade no debate sobre como construír modelos de vida e consumo máis respectuosos co medio ambiente.

A participación no encontro será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

0.15153098106384