Dúas xornadas formativas impulsarán novas políticas culturais locais na provincia de A Coruña

A Deputación da Coruña porá en marcha un programa formativo vinculado ao 'Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura', unha publicación recentemente editada pola institución provincial coa vontade de servir como ferramenta práctica para os concellos.
A iniciativa, impulsada pola Área de Cultura, busca acompañar a aplicación dos contidos do manual e favorecer o intercambio de coñecemento entre persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia. O obxectivo é avanzar cara a políticas culturais máis transformadoras, participativas e adaptadas á realidade de cada territorio.
O programa estrutúrase en dous obradoiros independentes, cun máximo de corenta participantes por sesión. O primeiro, titulado 'Unha cultura que coida', celebrarase o 30 de abril no Pazo de Mariñán, en Bergondo, entre as 11.00 e as 13.30 horas. A xornada centrarase na creación de propostas culturais que incorporen a perspectiva dos coidados, a sustentabilidade e o fortalecemento das comunidades.
O segundo obradoiro levará por título 'Diagnose e estratexia cultural' e desenvolverase en Compostela no mes de xuño. A Deputación anunciará proximamente os detalles desta sesión.
As dúas formacións estarán facilitadas por Fran Quiroga e Adela Vázquez, persoas coordinadoras da publicación. As inscricións poderán realizarse desde este venres, 24 de abril, ás 14.00 horas, a través da web.