Dúas pratas e varios bronces avalan a boa actuación do CD Hydra no Máster Territorial de Viveiro

O CD Hydra regresou do Máster Territorial disputado este domingo 12 de abril en Viveiro cun balance máis que satisfactorio, tanto polos resultados acadados como polas sensacións deixadas sobre a pista. A entidade participou na competición con seis xogadores da categoría sénior e pechou a xornada con dúas medallas de prata e varios bronces.
Entre as actuacións máis destacadas figurou a de Pepe de As Cruces, que sumou dúas pratas na súa categoría. O xogador conseguiu un segundo posto en individual e repetiu podio en dobres xunto a Fran Yáñez, confirmando o bo papel da expedición do club nesta cita territorial.
O resto da representación do Hydra tamén logrou presenza nos postos de honra. Cova e Belén acabaron con bronce en dobres femininos, mentres que Cova e Paul fixeron o propio na modalidade de dobres mixtos. Javier e Paul subiron ao podio en dobres masculinos e Javier e Belén tamén pecharon a súa participación con medallas de bronce en individual.
Máis alá dos resultados, desde o club puxeron o acento no nivel competitivo amosado e no ambiente vivido ao longo da xornada, na que se deron cita participantes chegados de Galicia, Asturias, Castela e Portugal. A entidade quixo salientar tamén a organización do torneo e a atención prestada polo club anfitrión, o Club de Bádminton O Cembedo de Viveiro.
Coa participación neste Máster Territorial, o CD Hydra reforza as boas sensacións do seu grupo sénior nunha cita que deixou premios, confianza e optimismo para as próximas competicións.