Dúas infraestruturas coruñesas entran no foco pola súa necesidade de conservación e posta en valor

ACoruñaXa
A lonxa do Gran Sol, no porto da Coruña, e a presa de Meicende, en Arteixo, figuran no II Catálogo de Actuacións no Patrimonio das Obras Públicas como exemplos de enxeñaría que requiren rehabilitación, sinalética e maior difusión pública
ARTEIXO embalse meicende
Embalse de Meicende, en Arteixo. Foto: Wikimedia Commons
16 Apr 2026

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia puxo o foco sobre dúas obras públicas da provincia da Coruña que considera prioritario conservar e divulgar: a lonxa do Gran Sol, no porto coruñés, e a presa de Meicende, no municipio de Arteixo. Ambas aparecen recollidas no II Catálogo de Actuacións no Patrimonio das Obras Públicas, presentado no marco do II Congreso Internacional de Patrimonio da Obra Pública e a Enxeñaría Civil.

No caso da lonxa do Gran Sol, o documento destaca que a infraestrutura mantén un estado estrutural aceptable, aínda que amosa os efectos do paso do tempo e da exposición continuada ao ambiente mariño. Os enxeñeiros avogan por compatibilizar o seu uso diario con actuacións de conservación patrimonial e con medidas de divulgación que permitan explicar a súa relevancia económica e portuaria. Entre as propostas figuran a instalación de paneis informativos, a organización de visitas guiadas ou a habilitación dun pequeno espazo expositivo.

A entidade subliña que esta lonxa constitúe un exemplo destacado da relación entre a enxeñaría civil e a arquitectura portuaria do século XX, ademais dun testemuño material da importancia histórica do mar e da pesca na evolución da cidade da Coruña.

A segunda infraestrutura coruñesa incluída no catálogo é a presa de Meicende, en Arteixo, unha obra con máis de seis décadas de servizo que, segundo o informe, presenta un estado xeral satisfactorio. Con todo, o Colexio advirte de que a súa singular estrutura de bóvedas múltiples, pouco común en España, require unha vixilancia constante para previr filtracións, detectar deterioros no formigón e garantir a súa estabilidade.

Neste sentido, o catálogo propón unha inspección técnica integral con sistemas modernos, como auscultación láser, termografía, xeorradar ou instrumentación de control remoto. A isto súmanse iniciativas para reforzar a súa posta en valor, como paneis explicativos ou un itinerario interpretativo que axude a divulgar a súa importancia histórica e tecnolóxica.

Para o Colexio, tanto a lonxa do Gran Sol como a presa de Meicende representan pezas sobranceiras do patrimonio da enxeñaría galega e contan, ademais, con potencial para converterse en elementos de interese cultural e turístico. O obxectivo do catálogo pasa por impulsar actuacións que garantan a súa conservación e, ao mesmo tempo, acheguen á cidadanía o valor destas obras na historia industrial e portuaria da provincia.

0.13377594947815