Dúas detencións por violencia machista poñen en valor a alerta veciñal en Arteixo

A Policía Local de Arteixo detivo nos últimos días a dous homes por presuntos delitos de violencia de xénero en dúas intervencións nas que a colaboración cidadá resultou clave para auxiliar ás vítimas. As actuacións producíronse en Meicende e no núcleo urbano de Arteixo, segundo informou o corpo municipal.
O primeiro caso tivo lugar en Meicende, despois de que varios veciños alertasen de que un home de 36 anos estaba a zarandear a unha muller na vía pública. Ao chegar ao lugar, os axentes atoparon á vítima con feridas visibles e restos de sangue, polo que solicitaron asistencia sanitaria. A muller foi trasladada en ambulancia para recibir atención médica.
O presunto agresor mantivo unha actitude moi violenta durante a intervención policial e foi detido polos axentes. Tras a súa identificación, comprobouse ademais que tiña en vigor unha orde xudicial de busca, detención e personación.
A segunda detención produciuse no núcleo de Arteixo, onde unha muller pediu auxilio policial na rúa tras denunciar que fora agredida pola súa parella. A vítima presentaba lesións visibles e o sospeitoso, un home de 47 anos, foi arrestado cando saía do domicilio familiar.
Desde a Policía Local subliñan a importancia de chamar ás forzas de seguridade cando se presencia unha posible agresión machista. A rápida alerta veciñal permite activar a resposta policial, protexer ás vítimas e evitar que a situación derive en consecuencias máis graves.
Ademais destas dúas intervencións, os axentes detiveron a outras dúas persoas por presuntos delitos de falsidade documental relacionados con permisos de conducir. Nun dos casos, un condutor presentou primeiro un carné venezolano caducado e despois un permiso español que tamén resultou ser falso. No outro, un motorista interceptado nun control en Meicende mostrou unha licenza venezolana que, malia a súa aparente calidade, non se correspondía co modelo oficial vixente na data de expedición.
Todos os detidos foron entregados no Posto Principal da Garda Civil de Arteixo. O corpo local destaca que a formación continua dos axentes na detección de documentos falsos é fundamental para reforzar a seguridade viaria e garantir que quen circula polo municipio o faga conforme á legalidade.