Douscentos bailadores tomarán o Paseo do Balneario no Día da Muiñeira de Arteixo

ACoruñaXa
A cita organizada por Xiradela chega este domingo á súa 38ª edición coa ‘Muiñeira de Santaia de Moar’ como peza común para as nove agrupacións participantes
ARTEIXO xiradela
8 May 2026

A música e o baile tradicional volverán encher as rúas de Arteixo este domingo, 10 de maio, coa celebración do XXXVIII Día da Muiñeira, unha cita organizada pola Asociación Xuvenil Xiradela desde o ano 1987 e xa consolidada no calendario cultural do municipio.

A actividade comezará ás 18.00 horas no Paseo do Balneario, aínda que en caso de choiva se trasladará ao Campo da Festa. Nesta edición participarán nove agrupacións chegadas de diferentes puntos da provincia, como A Coruña, Cambre, Carballo, A Laracha, Sada, Vimianzo, Betanzos, Oleiros e Arteixo.

A peza escollida para este ano será a ‘Muiñeira de Santaia de Moar’, que será interpretada de maneira conxunta por todos os grupos. A organización estima que arredor de 200 persoas bailarán ao mesmo tempo no Paseo do Balneario, nunha exhibición aberta ao público que busca achegar o folclore galego á veciñanza e ás persoas que se acheguen a Arteixo durante a tarde do domingo.

A presidenta de Xiradela, Uxía Verdía, sinala que a cita será unha tarde na que a música e o baile tradicional serán protagonistas a pé de rúa, tanto para o público como para os bailadores e bailadoras participantes. Verdía destaca tamén o papel das novas xeracións, ás que considera unha mostra de que o folclore galego continúa vivo.

Cada agrupación contará cun espazo reservado ao longo do paseo e a muiñeira bailarase ata en tres ocasións de forma simultánea. Entre cada pase haberá un descanso. A adaptación da peza contará con catro puntos e cinco voltas, aínda que cada grupo executará os puntos e voltas escollidos para a súa actuación.

Na edición deste ano participarán o Colexio Sagrado Corazón Franciscanas da Coruña, a A.C. Garrulaxe de Cecebre, a Asociación Cultural Nemeth de Carballo, a A.C. Santa María de Torás da Laracha, a A.M.D.T. Queiroa de Sada, a A.C. Trubisquiña de Vimianzo, a Escola Municipal de Folclore Azougue de Betanzos, a Asociación Cultural A Marola de Oleiros e a propia A.X. Xiradela de Arteixo.

Ao remate da xornada, as asociacións participantes recibirán un detalle como lembranza da súa participación e tamén se repartirá unha merenda entre os bailadores e bailadoras.

0.1181001663208