Dous proxectos educativos de Cambre e Oleiros, entre os mellores de Galicia sobre a eclipse

ACoruñaXa
O CEIP Portofaro e o CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey foron recoñecidos pola Xunta nunha xornada na Cidade da Cultura con preto de 500 estudantes
CAMBRE eclipasando
Imaxe do Ceip Portofaro de Cambre
9 Jun 2026

Dous centros de Cambre e Oleiros figuran entre os 20 proxectos científicos galardoados pola Xunta arredor da eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto. O recoñecemento produciuse este martes na Cidade da Cultura, nun encontro que serviu para pechar a programación desenvolvida durante o curso nos Polos Creativos e no que participaron preto de 500 alumnos e alumnas de diferentes etapas educativas.

No caso de Cambre, o CEIP Portofaro recibiu o premio á mellor conxunción de tecnoloxía e creación narrativa nos Polos Creativos. Pola súa banda, o CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey, de Oleiros, foi distinguido polo mellor enfoque integral dentro desta iniciativa educativa.

A xornada permitiu dar visibilidade ao traballo desenvolvido polo alumnado ao longo do curso, con propostas vinculadas á divulgación científica, á observación astronómica, á investigación e á didáctica das ciencias. Os estudantes e docentes participantes explicaron ao público visitante os experimentos, recursos e solucións tecnolóxicas creadas nos centros para achegar a eclipse á comunidade educativa.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou durante a visita á exposición que os proxectos premiados amosan o potencial dos centros galegos e a importancia de impulsar metodoloxías nas que o alumnado sexa protagonista da súa aprendizaxe.

A cita reuniu tamén investigadores universitarios e integrantes da Axencia Espacial Escolar Galega, nunha programación pensada para preparar o gran fenómeno astronómico deste verán e para ofrecer recursos que permitan seguilo con seguridade.

O encontro concluíu co lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSAT VIII, unha misión escolar con globos sonda que pode alcanzar os 30.000 metros de altitude e que incorpora experimentos para recoller datos e analizar as condicións da estratosfera.

A Consellería avanzou ademais que os Polos Creativos manterán a exploración espacial como eixo de traballo no curso 2026-2027, con novas propostas ligadas á robótica, á programación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

0.11978101730347