Doce proxectos agroalimentarios galegos presentarán as súas iniciativas na Fundación Juana de Vega

GaliciaXa | TerraChaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
A xornada celebrarase este mércores 25 en Oleiros e incluirá a entrega do IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario e do Premio Sodexo Impulso Transformador
OLEIROS juana de vega empresas agroalimentarias
23 Nov 2026

A Fundación Juana de Vega celebrará este mércores, 25 de novembro, na súa sede de Oleiros, a xornada final da XIV edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, na que doce proxectos beneficiarios presentarán as súas iniciativas empresariais. O encontro reunirá propostas das modalidades de Emprendemento e Crecemento-Consolidación, vinculadas a diferentes ámbitos da cadea agroalimentaria galega.

As presentacións comezarán ás 9:30 horas cos proxectos da modalidade de Emprendemento, mentres que a partir das 12:00 horas será a quenda das iniciativas de Crecemento-Consolidación. A xornada permitirá aos participantes dar a coñecer os seus negocios ante potenciais clientes, provedores, financiadores e representantes de entidades relacionadas co desenvolvemento empresarial e o emprendemento rural.

Entre as propostas figuran iniciativas de elaboración de marmeladas e conservas vexetais, produtos lácteos innovadores, plantas medicinais, transformación da castaña, xeados artesáns, chocolates elaborados mediante o proceso 'bean to bar', licor café e viños de variedades autóctonas. O programa inclúe tamén unha granxa de gandería rexenerativa, un proxecto de cría tradicional de capón de Vilalba e unha consultoría especializada en solucións tecnolóxicas sostibles para o sector agroalimentario.

Os proxectos proceden de diferentes municipios das catro provincias galegas, entre eles Cervo, Nigrán, Ames, Tomiño, A Veiga, Arzúa, Melide, Vilalba, Ourense, Pontedeume e A Coruña, o que amosa a diversidade territorial das iniciativas apoiadas pola fundación.

Un dos momentos destacados será a entrega de premios, prevista para as 14:10 horas. Nesta edición concederase o IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, que recoñecerá o mellor proxecto da modalidade de Emprendemento, e tamén o Premio Sodexo Impulso Transformador, unha novidade que distinguirá iniciativas das dúas modalidades do programa.

A xornada incluirá, ás 14:00 horas, unha intervención de Sodexo baixo o título ‘Apoiando o rural galego’ e finalizará ás 14:20 horas cun encontro de networking e degustación de produtos elaborados polos proxectos participantes

0.1419689655304