Doce parcelas municipais saen a poxa para promover nova vivenda en Oleiros, Iñás, Santa Cruz, Perillo e Mera

O Concello de Oleiros puxo á venda 12 parcelas de propiedade municipal para facilitar a construción de vivendas unifamiliares e plurifamiliares, tanto de réxime libre como de protección. Os solares, segundo informou a administración local, están repartidos entre Oleiros, Iñás, Santa Cruz, Perillo e Mera e contan con todos os servizos.
A venda tramitarase mediante poxa pública e o prazo para presentar ofertas quedou aberto este 24 de febreiro e prolongarase ata o 25 de marzo. As propostas poden rexistrarse de maneira telemática a través da Plataforma de Contratación do Sector Público ou de forma presencial na Casa do Concello.
Coa adxudicación do conxunto das propiedades, o Concello calcula superar os 2,5 millóns de euros en ingresos, unha partida que, segundo o anuncio, se empregará para financiar novas obras e mellorar servizos públicos.
Tres parcelas para cooperativas e pisos protexidos
Dentro do paquete de solo que sae agora a poxa, tres parcelas están orientadas á construción de pisos protexidos: dúas na praza da Rabadeira e unha en Mera, na rúa Eduardo Galeano. Unha vez adxudicadas e completados os trámites, o Concello prevé abrir un proceso de inscrición para que a veciñanza interesada poida optar á compra dun piso, un procedemento do que asegura que informará con antelación a través das canles municipais.