Dobre triunfo do ITF Brigantium na velada Guerreiros da Terra de Montes

O ITF Coirós Brigantium asinou unha actuación perfecta na segunda edición do Trofeo Guerreiros da Terra de Montes, disputado o pasado sábado en Cerdedo-Cotobade. A velada reuniu deportistas de España e Portugal nun programa centrado principalmente no muay thai, con presenza tamén do K-1.
Desde Betanzos desprazáronse Brais Freire e Paula Vázquez para participar en dous dos combates da noite. Ambos regresaron con vitoria nunha cita esixente, na que o club confirmou o bo momento competitivo dos seus deportistas.
Brais Freire foi o encargado de abrir a velada no primeiro combate. O representante do ITF Brigantium medíuse en K-1 a Gonçalo Gonçalves, do VH Team portugués, e acabou impoñéndose por decisión unánime dos xuíces tras un duelo intenso no que marcou o ritmo desde o inicio.
No cuarto combate chegou a quenda de Paula Vázquez, que debutaba en muay thai fronte a Daniela Villar, unha rival con experiencia en competición estatal. A deportista brigantina resolveu o enfrontamento no segundo asalto cun derribo contundente que obrigou á interrupción do combate e lle deu a vitoria por KO técnico.
Tras este dobre triunfo, o ITF Brigantium centra agora a súa preparación no Campionato de España júnior, que se celebrará na última semana de xuño en Alcobendas. O club ten previsto acudir á cita con sete deportistas e un seleccionador autonómico.
A entidade felicitou a Brais Freire e Paula Vázquez polo seu espírito competitivo, a súa constancia e o traballo realizado, ademais de agradecer o apoio recibido por parte do Concello de Betanzos.