Dobre podio cullerdense na Supercopa de España absoluta de judo

O judo de Culleredo volveu deixar pegada no calendario estatal. Xesús Patiño Martínez e Bruno Calvo Sánchez subiron ao podio na Supercopa de España absoluta celebrada en Jaca, unha das probas destacadas do circuíto nacional sénior, na que tomaron parte 140 deportistas de 15 delegacións.
Patiño asinou a actuación máis brillante da expedición galega ao proclamarse campión na categoría de -66 quilos. O judoca cullerdense impúxose nun cadro con 17 participantes e confirmou o seu bo momento competitivo cun ouro de gran valor de cara aos próximos retos da tempada.
Tamén destacou Bruno Calvo, que competiu en -81 quilos e rematou segundo tras alcanzar a final da súa categoría. A súa prata reforza a progresión dun deportista que continúa consolidándose no nivel absoluto despois da súa etapa nas categorías de formación.
A actuación dos dous representantes de Culleredo foi clave para o balance galego na competición. Galicia pechou a Supercopa con tres medallas, un ouro e dúas pratas, e rematou no oitavo posto do medalleiro por delegacións.