Diego Calvo destaca o papel “fundamental” dos empresarios como “peza clave” en Galicia
O cabeza de lista do Partido Popular pola provincia da Coruña ao Parlamento de Galicia, Diego Calvo, mantivo esta mañá de mércores un encontro con representantes de diferentes sectores empresariais no Club Nordés da cidade da Coruña.
Durante o encontro, Diego Calvo, quixo destacar o papel "fundamental" que xogan os empresarios como "peza clave" do motor que move a economía dos galegos, e puxo en valor o seu labor á fronte dos seus negocios como aspecto "determinante" para que Galicia siga crecendo e funcionando como o fixo nos últimos anos.
O popular, que aproveitou o acto para recoller as demandas e as necesidades de diferentes empresarios, púxose á súa disposición para alcanzar entre todos o que cualificou de "obxectivo común", fronte a aqueles que demonizan ao empresariado e pactan de costas a eles, obviando o diálogo social.
Neste sentido, Calvo aproveitou para avanzar algunhas das medidas "ambiciosas, ilusionantes, pensadas con rigor e seriedade" que o PPdeG leva no seu programa para apoiar ás empresas. "Medidas, sen excepción, realizables por nós mesmos. Sen ter que pedir permiso nin á Moncloa nin supeditalas aos intereses doutros territorios", defendeu.
Medidas da man dos empresarios
Sobre esta cuestión, o cabeza de lista pola provincia destacou a creación da Oficina Económica de Galicia, un portelo único, explicou, para falar coa administración e onde poder axilizar todo o proceso para poñer en marcha un proxecto: desde as axudas, ata un plan individualizado de atención ou unha única persoa interlocutora.
Ademais, Calvo incidiu en que o Goberno da Xunta complementou esta iniciativa con medidas como o plan de aceleración de proxectos industriais, xa en vigor, ou coa mellora da liña de préstamos para adaptalos á realidade empresarial.
"Estes son só uns exemplos de como actuamos desde o Partido Popular na política empresarial. Con man tendida e con ambición para seguir camiñando xuntos", asegurou Calvo, quen avanzou que un dos obxectivos da súa formación é tamén seguir captando e xestionando con axilidade os fondos europeos, fundamentais para a transformación de Galicia.
Ao contrario do que ocorre no Goberno central, do que Calvo denunciou que os galegos seguen esperando respostas e accións que permitan materializar dunha vez importantes proxectos industriais que queren asentarse nesta comunidade, a Xunta puxo en funcionamento o 100% dos 1.300 millóns de euros de fondos Feder e do Fondo Social Europeo, así como os 440 millóns dos React-UE, vinculados ao impacto da covid-19.
"De pouco serve unha política económica áxil, fácil e ambiciosa como a nosa se non chegan os fondos e non se poñen en marcha os tan anunciados PERTE", lamentou Calvo, quen falou da "importancia" de potenciar os intercambios e a competitividade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que é xa un referente na captación de fondos.
Por último, o popular incidiu en que a súa formación quere seguir construíndo esa Galicia cada día máis internacional e competitiva, cun plan de captación de empresas e grandes proxectos e ofrecendo aínda máis apoios á internacionalización.