Dez unidades móbiles de doazón de sangue percorren A Coruña e a súa área esta semana

ACoruñaXa | FerrolXa
Carballo, Ortigueira, Cambre, Negreira ou Betanzos son algúns dos puntos polos que pasarán esta semana as furgonetas de recollida, que precisan máis de 400 doazóns diarias para abastecer os hospitais galegos
campaña-de-veran-ados-doazons
Imaxe de arquivo
18 Oct 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fixo público o seu calendario semanal de desprazamentos das unidades móbiles de doazón de sangue, que entre o luns 19 e o sábado 24 de outubro percorrerán distintos concellos e puntos da provincia da Coruña.

Segundo lembra o organismo, o sistema sanitario galego precisa recibir máis de 400 doazóns cada día para poder atender aos pacientes, un obxectivo que se cobre grazas ás dez furgonetas que a diario se desprazan por toda Galicia, ademais dos puntos fixos habilitados en sete cidades.

A semana arrinca o luns 19 de outubro con paradas no barrio coruñés de Caranza, ao carón do mercado, de 09.30 a 14.30 horas, e en Ortigueira, na explanada fronte ao edificio de servizos sociais, de 16.00 a 21.00 horas. Ese mesmo día tamén estará presente a unidade instalada no campus da Coruña-Elviña, na entrada principal da Facultade de Ciencias da Educación, en horario de mañá, mentres que pola tarde poderase doar en Cambre, diante do Concello, e en Laxe, tamén diante da casa consistorial. Negreira contará con dobre quenda, de mañá e tarde, diante do centro de saúde, e en Sigüeiro (Oroso) a unidade situarase pola tarde detrás do antigo centro de saúde, no actual centro cívico e sede da Policía Local.

O martes 20, a furgoneta visitará Navantia, diante do aparcamento da oficina técnica, pola mañá, e Betanzos, na praza Irmáns García Naveira, pola tarde. O campus de Elviña repetirá parada, esta vez na rotonda de Socioloxía, con quenda de mañá e tarde, do mesmo xeito que o campus de Santiago-Vida, fronte á Facultade de Dereito. Completan a xornada as paradas de Teixeiro (Curtis), fronte ao Concello, e Mesía, diante dun establecemento hostaleiro do municipio.

O mércores 21 volverá estar presente a unidade en Navantia pola mañá, mentres que pola tarde repartiranse as quendas entre Moeche e Cerdido, ambas as localidades con parada diante dos respectivos concellos. Na cidade da Coruña, ademais do campus de Elviña, poderase doar nos barrios de Monelos-Castrillón, na praza Pablo Iglesias, e de Los Rosales, na praza Elíptica, xunto á parada de taxis da rúa Manuel Azaña. O campus de Santiago manterá a súa dobre quenda e, pola tarde, tamén haberá unidade na praza Roxa da capital galega.

O xoves 22, a xornada comezará en Navantia-Fene, diante dos servizos médicos, e continuará pola tarde en Meirás, ao carón da cooperativa local. O campus coruñés repetirá a súa parada habitual pola mañá, mentres que pola tarde poderase doar en Abegondo, na contorna do centro de saúde, e na zona do Obelisco coruñés, na parada de taxis. Ese día a programación amplíase tamén a Silleda, con quenda de mañá e tarde na rúa Progreso, ao carón do novo Concello, e ao colexio Santa Apolonia, con parada no aparcamento pola mañá.

O venres 23 pechará a semana con paradas en As Pontes, na praza do Carmen; en Sada, con dobre quenda diante da Casa da Xuventude; no barrio coruñés de Novo Mesoiro, xunto á parada de taxis da rotonda; en Rianxo, tamén con quenda de mañá e tarde na praza Castelao; e en Boimorto, diante do centro de saúde.

Xa o sábado 24, as unidades trasladaranse á urbanización Rialta, en Oleiros, con parada ao carón do parque e da parada de autobús, e a Santa Comba, diante do centro de cultura, ambas as dúas de 10.00 a 15.00 horas.

Desde ADOS lembran que para resolver dúbidas, coñecer o calendario de paradas en cada concello ou trasladar suxestións, as persoas interesadas poden consultar a web ados.sergas.gal, escribir ao correo comunicacion.ados@sergas.gal ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.

0.14835000038147