Dez letrados xuran o cargo dentro da 47 promoción da Administración de Xustiza

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu hoxe a xura ou promesa da 47.ª promoción, pola quenda de acceso libre, de oito letradas e dous letrados da Administración de Xustiza, os cales exercerán as súas funcións nos tribunais de instancia da Fonsagrada, A Pobra de Trives, Mondoñedo, Negreira, O Barco de Valdeorras, Ordes, Ortigueira, Verín e Viveiro.
O acto estivo presidido por Ignacio Picatoste Sueiras, presidente do TSXG, e dirixido polo secretario de Goberno, Juan José Martín Álvarez, quen, durante a súa intervención, destacou a preparación da nova promoción para incorporarse aos servizos comúns de tramitación dos tribunais de instancia, co obxectivo de contribuír ao éxito do novo modelo organizativo. Ademais, lembroulles que é “fundamental” desempeñar o seu labor “con empatía e espírito de cooperación, tanto coa cidadanía como co resto dos profesionais da Administración de Xustiza".
Ao acto asistiron, ademais de familiares e amizades das letradas e os letrados, autoridades xudiciais e civís, entre elas os secretarios coordinadores das provincias da Coruña, Lugo e Ourense —Adelaida Vega, M.ª del Carmen Varela e Marcos González Joly—; a xerente territorial do Ministerio de Xustiza, Marta García Sande; a directora territorial na provincia da Coruña da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, María del Mar Ferreiro Broz; a subdirectora Xeral Medios da Administración de Xustiza, Raquel Romero Iglesias; o decano do Colexio de Avogados da Coruña, Augusto Pérez-Cepeda; e a vicedecana do Colexio de Procuradores da Coruña, Carmen Belo.