Detectada en Oleiros unha gaivota con gripe aviar

ACoruñaXa
Corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela (Larus michahellis) que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre localizado no mesmo municipio
gaivota-patiamarela
9 Ago 2024

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) atopada enferma no concello de Oleiros. Trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Xunta neste mesmo municipio, a ave foi mostrexada para proceder á análise laboratorial, eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor. Este novo caso é o terceiro confirmado na nosa comunidade autónoma neste ano 2024.

Esta notificación, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no estatus sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional con respecto ao comercio de aves vivas ou produtos avícolas derivados orixinarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A valoración de risco de influenza aviaria a nivel do Estado tampouco sufriu variación respecto aos meses anteriores, ao non tomarse medidas adicionais respecto ás que xa estaban en vigor desde o pasado mes de maio de 2023, debido á evolución favorable desta doenza. Deste xeito, na data actual mantéñense unicamente en Galicia certas medidas de prevención sanitaria nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á denominada Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar implementando as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

 

0.099545001983643