Destínanse 509.000 euros á rede municipal de acollida Vioxen
A Xunta de Goberno local da Coruña celebrada este mércores, 17 de abril, aprobou o orzamento destinado a financiar este ano a rede municipal de acollida a mulleres en situación de violencia de xénero. O dito investimento alcanza os 509.000 euros.
Actualmente, o Concello da Coruña é titular dunha casa de acollida e dous pisos de transición activa para atender a mulleres vítimas da Vioxen, que están incluídos na rede autonómica de centros de atención a mulleres. “Son espazos fundamentais para ofrecer atención e protección tanto ás mulleres que sofren violencia de xénero como ás e aos menores ao seu cargo. Espazos que poden abrir camiño á recuperación persoal e reincorporación sociolaboral das afectadas e as persoas ao seu cargo”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.
No mantemento da rede municipal de acollida traballan de forma conxunta o Concello e a Deputación. A este respecto, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a solicitude do convenio de colaboración coa Deputación, un trámite que determina as obrigas e compromisos de financiamento que lle corresponden a cada Administración.