Destínanse 371.000 euros a mellorar os camiños de Miño

O Concello de Miño destinará 371.046,27 euros a obras de mellora en varios camiños e estradas do municipio, cun alcance que chegará a todas as parroquias co obxectivo de manter as vías en óptimas condicións para garantir unha circulación segura e fluída para os seus veciños. Estas obras, que renovarán máis de 5 quilómetros da rede viaria municipal, financiaranse mediante unha modificación orzamentaria de 1 millón de euros que será aprobada nun pleno extraordinario que se celebrará este xoves.
As actuacións de mellora dividiranse en varios proxectos específicos en distintos puntos do municipio. Para o acondicionamento e ampliación do camiño en Barbeita, na parroquia de Callobre, destinaranse 35.248,71 euros, mentres que a mellora do camiño situado detrás do cemiterio de Miño contará cun investimento de 5.178,80 euros. Ademais, levarase a cabo a renovación da vía en A Torre, en Sombreu, cun orzamento de 48.359,92 euros. Outras actuacións incluirán a mellora do camiño en A Torre, en Bemantes, que conecta coa AC-160 e coa ETAP, así como o que conecta o Centro de Día coa AC-160, todo cunha partida de 48.387,78 euros.
En Perbes, o plan inclúe actuacións en varios camiños: o camiño de baixada á Fonte da Leira, o que vai de Pena de Abaixo a Cruz en Bollo e o paralelo á vía do tren de Nigrofe a San Xoán, cun orzamento conxunto de 48.387,78 euros. En San Xoán, mellorarase o camiño en A Viña, detrás da igrexa, ademais do camiño do entorno da igrexa, o de Couto a Rego de Andel (DP-4802) e o de Buíña, cunha partida de 44.196,36 euros.
Outras actuacións contempladas inclúen a mellora dos tramos antigos da N-VI en Leiro e Ponte Baxoi, cun investimento de 48.360,68 euros, e melloras nos camiños en Carantoña, Castro, Leiro e Bemantes, cun orzamento de 44.678,56 euros que se destinará a reparar tramos fronte á igrexa de Carantoña, en Currás (Bañobre), Chao do Monte (Carantoña), Coído (Leiro) e Ansimonde (Bemantes).
Finalmente, para a parroquia de Callobre, o Concello asignará 48.399,52 euros á mellora dos camiños en A Brea, Barbeita, Vigo de Arriba, Vigo de Abaixo (na praza), Cachufeira e A Graña, desde a casa rural ata a DP-0906. Todas estas actuacións reflicten o compromiso do Concello de Miño por mellorar e manter en boas condicións a rede viaria do municipio, garantindo así unha infraestrutura segura e accesible para todos os residentes e contribuíndo a un tránsito máis cómodo e seguro no día a día.