Destacan o labor da Deputación da Coruña na loita contra o despoboamento rural

A Deputación da Coruña recibiu o recoñecemento do Consello de Contas de Galicia polo seu papel clave na loita contra o despoboamento rural, segundo recolle o informe sobre “Medidas adoptadas para abordar o reto demográfico nos concellos de menor poboación”.
O informe, de 167 páxinas, analiza as accións levadas a cabo polas administracións en Galicia para afrontar o reto demográfico. Nel destácanse numerosas iniciativas impulsadas pola Deputación da Coruña, centradas en mellorar a calidade de vida, fortalecer a economía local e preservar a cohesión social nos concellos rurais.
Un dos puntos máis salientables é o elevado investimento da Deputación nos concellos de reto demográfico, moi superior ao Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. Segundo o Consello de Contas, “o gasto da Deputación excede de forma unánime o importe das achegas do Fondo de Cooperación Local, que representa un 41,18% como media das contías executadas pola Deputación”. Tamén se sinala que, en relación á Base de Datos Nacional de Subvencións, a Deputación financia de media o 61,73% dos seus proxectos.
Entre as medidas máis destacadas, inclúense investimentos no Plan Único para mellorar infraestruturas, como obras de pavimentación e accesos viarios, fundamentais para reducir o illamento e mellorar a conectividade dos municipios.
Ademais, o informe recoñece o impacto positivo de programas de fomento do emprego, como a contratación de técnicos municipais de cultura, deportes, turismo e servizos sociais, contribuíndo á dinamización económica e social do rural. Máis do 60% das axudas destínanse a servizos sociais comunitarios, reforzando o benestar da veciñanza.
A Deputación aposta por maximizar o impacto destas actuacións, adaptándoas ás necesidades específicas de cada territorio e consolidándose como un modelo de desenvolvemento sostible que combina a preservación do patrimonio rural coa creación de novas oportunidades.