Descubrindo o patrimonio: a igrexa románica de Santa María de Doroña en Vilarmaior

Miriam García
Imaxe da igrexa de Santa María de Doroña en Vilarmaior (1)A Igrexa de Santa María de Doroña constitúe un exemplo perfecto do que son as igrexas románicas rurais. Situada na comarca de Betanzos e do Eume, máis en concreto no municipio de Vilarmaior, conta cun gran valor histórico e artístico, pois a través dela pode botarse unha ollada cara atrás e penar na vida dos campesiños, señores e clérigos dos pequenos núcleos de poboacións rurais durante a Galicia medieval.
Aínda que o templo non dispón de horarios de visita ao seu interior habilitados, os seus arredores están repletos de natureza e son unha parada moi proveitosa para respirar paz e tranquilidade, ao mesmo tempo que se admira a arquitectura do templo. Ademais, oseu cruceiro atópase moi ben conservado e ao preto del hai bancos de pedra para poder descansar.
Unha historia a través dos séculos
O primeiro documento medieval que fai referencia á igrexa de Santa María de Doroña, está datado o 2 de agosto do ano 953 (século X), no cal o presbítero Ero xunto con outras persoas, fai unha doazón da metade do devandito templo, sito na vila de ‘Leoni et Transarici’, englobada no territorio de Pruzos, entre os ríos Eume e Doroña, ao bispo San Rosendo e aos monxes do Mosteiro de San Salvador de Celanova.
Logo dun longo período de silencio en canto a fontes documentais, volvese a ter noticias da igrexa de Santa María de Doroña e os seus terreos, como vinculados ao mosteiro de Caaveiro, en razón de diferentes doazóns que testemuñan fontes documentais do século XII. Tamén, a través delas, se pode constatar que os mosteiros cistercienses de Monfero e Sobrado tiveron posesións en Doroña durante o século XIII. Segundo diversas fontes, nos séculos posteriores, a Igrexa de Doroña seguirá vinculada ao mosteiro de Monfero, aínda que no século XIV pasará a formar parte da Casa dos Andrade, en tempos do coñecido cabaleiro galego Fernán Pérez de Andrade.
Imaxe da igrexa de VilarmaiorUnha estrutura encabezada por un pórtico de acceso