Descubrindo o patrimonio: a igrexa románica de Santa María de Doroña en Vilarmaior

ACoruñaXa
O templo situado na comarca de Betanzos e do Eume é un exemplo perfecto do que son as igrexas románicas rurais da época medieval
Imaxe da Igrexa de Santa María de Doroña en Vilarmaior
28 Xul 2024

Miriam García

A Igrexa de Santa María de Doroña constitúe un exemplo perfecto do que son as igrexas románicas rurais. Situada na comarca de Betanzos e do Eume, máis en concreto no municipio de Vilarmaior, conta cun gran valor histórico e artístico, pois a través dela pode botarse unha ollada cara atrás e penar na vida dos campesiños, señores e clérigos dos pequenos núcleos de poboacións rurais durante a Galicia medieval.

Aínda que o templo non dispón de horarios de visita ao seu interior habilitados, os seus arredores están repletos de natureza e son unha parada moi proveitosa para respirar paz e tranquilidade, ao mesmo tempo que se admira a arquitectura do templo. Ademais, oseu cruceiro atópase moi ben conservado e ao preto del hai bancos de pedra para poder descansar.

Unha historia a través dos séculos

O primeiro documento medieval que fai referencia á igrexa de Santa María de Doroña, está datado o 2 de agosto do ano 953 (século X), no cal o presbítero Ero xunto con outras persoas, fai unha doazón da metade do devandito templo, sito na vila de ‘Leoni et Transarici’, englobada no territorio de Pruzos, entre os ríos Eume e Doroña, ao bispo San Rosendo e aos monxes do Mosteiro de San Salvador de Celanova.

Logo dun longo período de silencio en canto a fontes documentais, volvese a ter noticias da igrexa de Santa María de Doroña e os seus terreos, como vinculados ao mosteiro de Caaveiro, en razón de diferentes doazóns que testemuñan fontes documentais do século XII. Tamén, a través delas, se pode constatar que os mosteiros cistercienses de Monfero e Sobrado tiveron posesións en Doroña durante o século XIII. Segundo diversas fontes, nos séculos posteriores, a Igrexa de Doroña seguirá vinculada ao mosteiro de Monfero, aínda que no século XIV pasará a formar parte da Casa dos Andrade, en tempos do coñecido cabaleiro galego Fernán Pérez de Andrade.

Unha estrutura encabezada por un pórtico de acceso

Segundo diversos autores e historiadores, a Igrexa que se coñece na actualidade foi construída no século XII. A súa estrutura é de granito e presenta unha soa nave rectangular e unha ábside semicircular. Ademais, conta cunha espadaña que rompe coa horizontalidade da estrutura, a cal foi construída anos despois para salvagardar as campás do templo.

Outros dous elementos, ademais da espadana, que modificaron o aspecto da igrexa románica de Doroña son: a sancristía, cuxa construción afectou a ábsida, cegando unha das súas xanelas; e outro é o pórtico encostado á fachada, que da o acceso principal ao edificio.

Na fachada principal, debemos deternos na particular decoración da arquivolta que coroa a porta de acceso ao templo, así como no cordeiro do tímpano, e os capiteis, diferentes entre si. Mentres no dereito podemos observar unha decoración a base de follas e bólas, no esquerdo chama a atención unha figura humana, de cabeza desproporcionada e pouco elaborada. Por encima deste pórtico, atopamos unha xanela no segundo nivel, pero todo parece apuntar a que se trata dunha modificación que fixo desaparecer a primitiva aspillera románica, segundo os estudos de Ángel do Castillo.

Nos dous muros laterais, pódense observar tres contrafortes, que dividen a nave en tramos, así como pequenas aspilleiras (fiestras), fundamentais para a iluminación do templo. No centro de ambos os lados conta con portas, aínda que unha delas está cegada. Os muros laterais rematan en diversos canecillos, aínda que non se conservan todos os primitivos, debido a construción da mencionada espanada.

A ábsida é outro dos elementos máis interesantes do templo. Precédeo un tramo recto, e é de inferior altura que o resto da igrexa. Desde fóra poden observarse facilmente os efectos da construción da sancristía e a modificación da xanela central, debido a que só a ao lado meridional é románica. Ben conservados atópanse os canecillos da ábsida, decorados de forma moi diversa, e no espazo comprendido entre os seus modillones, pódense ver unhas rosetas en altorrelieve.

 

0.1243851184845