Descubre os segredos do Aquarium Finisterrae na nova sesión de ‘Viaxe ao centro do Aquarium’

ACoruñaXa
O público poderá coñecer as zonas técnicas do Aquarium Finisterrae nunha visita guiada
Imaxe do Aquarium da Coruña
20 Jan 2025

O Concello da Coruña organiza para o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, unha nova sesión da actividade ‘Viaxe ao centro do Aquarium’. Trátase dunha visita guiada polas zonas técnicas do Aquarium Finisterrae, que inclúe o acceso ás salas de bombeo e de filtración, ao laboratorio, cociña, corentenas e sala de cultivos auxiliares.

Esta actividade ofrece a oportunidade de coñecer, da man de persoal técnico, as instalacións que permiten o control e manexo dos millóns de litros de auga mariña que pasan diariamente polos tanques do acuario. Ademais, os visitantes poderán descubrir os recursos empregados para manter as condicións biolóxicas e ambientais axeitadas para os seres vivos que alberga o centro.

A actividade está dirixida a persoas maiores de 16 anos, cun aforo máximo de 12 asistentes por sesión. O prezo da entrada é de 10 euros por persoa, sendo gratuíta para os membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, titulares da Tarxeta Vente e persoas con discapacidade.

A primeira sesión deste ano será o sábado 25 de xaneiro, e as entradas poderán adquirirse desde as 9.00 horas do mércores 22 de xaneiro no sitio web oficial.

 

0.1168520450592