Desbrozadoras, cortasetos e ferramentas de corte protagonizan un curso práctico en Monticaño

ACoruñaXa
A formación celebrarase os días 4 e 5 de setembro e contará con 15 prazas, con prioridade para persoas empadroadas en Arteixo
ARTEIXO maquina xardin
31 Aug 2026

Desbrozadoras, cortasetos e outras ferramentas de corte serán as protagonistas dun novo curso de iniciación que permitirá aprender a utilizalas de maneira segura e coñecer tamén as tarefas básicas para o seu mantemento.

A formación, promovida polo Concello de Arteixo, celebrarase no Parque Municipal de Monticaño, na Pastoriza, os días 4 e 5 de setembro. O venres a actividade desenvolverase de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o sábado será de 9.30 a 14.30 horas.

O curso está pensado principalmente para persoas afeccionadas á horta e á xardinería e abordará tanto cuestións prácticas como aspectos relacionados coa prevención de riscos. Entre os contidos figuran o funcionamento das diferentes máquinas de corte, o uso dos equipos de protección individual, a ergonomía e as técnicas adecuadas para traballar con desbrozadoras e cortasetos.

Tamén se explicarán as pautas básicas para o mantemento das máquinas, a carga de combustible e o uso seguro das ferramentas manuais de corte.

A formación estará impartida por Vicente Manso Fuentefría e persoal do EME. Ademais, as persoas participantes que o desexen poderán levar as súas propias máquinas para traballar con elas durante o curso.

15 prazas dispoñibles

A actividade conta con 15 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. Terán prioridade as persoas empadroadas en Arteixo e os clientes de SUMARTE, o Servizo Municipal de Augas e BiciArteixo.

O prezo é de 25 euros para estes colectivos e de 35 euros para a inscrición xeral.

As persoas que non consigan praza quedarán rexistradas para poder ser convocadas na seguinte edición da formación.

0.11195516586304