Desaloxados os últimos habitantes do asentamento chabolista da Pasaxe
Dende este xoves 4 de abril o asentamento chabolista da Pasaxe xa é historia para a cidade da Coruña. Esta mañá procedeuse á derriba das últimas infravivendas que ata o de agora seguían ocupadas polos seus habitantes.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou do desaloxamento pacífico das últimas infravivendas existentes no asentamento da Pasaxe. “Hoxe culmina un intenso traballo que iniciamos en 2019 co obxectivo non só de recuperar un espazo emblemático para a cidade, senón tamén de darlle unha vida digna ás persoas que estaban a vivir na Pasaxe”, sinalou a alcaldesa.
O desaloxamento e derruba das últimas infravivendas levouse a cabo a primeira hora deste xoves, formando parte do operativo o equipo de Servizos Sociais do Concello e a Policía Local, que lle prestou apoio á Policía Nacional. O persoal de Demarcación de Costas, con competencias neste espazo, foi o encargado de proceder á eliminación das últimas estruturas. Todo o proceso levouse a cabo sen incidencias.
“Fixemos un longo traballo de diálogo coas persoas que alí vivían, pois cada familia precisou dun proceso personalizado de acompañamento e seguimento para reintegrarse na sociedade”, sinalou Inés Rey, que agradeceu o traballo levado a cabo polo persoal da Área de Benestar Social: “Levamos a cabo un labor complexo e silencioso que nos permitiu chegar ata aquí”. Unha das prioridades do Goberno municipal foi a reinserción das persoas menores de idade que vivían neste espazo.
Cinco anos de traballo
O Goberno local conseguiu reducir o número de habitantes do poboado, que chegou a ser superior a 300, a 17 familias no ano 2020 mediante realoxamentos voluntarios en vivendas. Ditos realoxamentos levaban aparelladas as demolicións das infravivendas. No ano 2022, só unha familia permanecía neste espazo, tendo que ser a xustiza a que ordenase o seu desaloxamento, que se executou esta mañá.
“A Coruña recupera hoxe parte da súa costa e centos de persoas que malvivían na Pasaxe fano agora en vivendas dignas”, indicou Inés Rey, que celebrou que o seu Goberno conseguiu poñer fin a unha situación que se orixinou no ano 1986.
A rexedora agradeceu o compromiso do Goberno español nesta actuación, traballando de maneira coordinada co Concello. Será o Estado o que se ocupe das actuacións de limpeza e recuperación deste espazo, cun orzamento que supera os dous millóns de euros. “Hoxe A Coruña recupera un espazo privilexiado para a cidadanía, un espazo que permitirá conectar a ría coa cidade”.
Inés Rey tamén quixo poñer en valor o traballo previo na loita contra o chabolismo levado a cabo por anteriores gobernos municipais: “Ninguén logrou este obxectivo en 38 anos, mais foron sempre gobernos socialistas os que actuaron para acabar coa infravivenda nesta cidade: Penamoa ou Orillamar son logros que contribuíron a facer desta unha cidade mellor, e hoxe seguimos nesa liña poñendo fin ao maior asentamento das últimas décadas na Coruña”, indicou Rey.