Derrota axustada do Santo Domingo Betanzos na súa visita a Carbajosa

ACoruñaXa
O equipo de baloncesto chegou con opcións de vitoria ata os últimos segundos, pero non puido remontar a desvantaxe acumulada no rebote
Santo Domingo Betanzos baloncesto
19 Oct 2026

O equipo sénior masculino do Santo Domingo Betanzos non puido facerse coa vitoria no seu desprazamento a terras salmantinas, onde acabou cedendo por 101-97 fronte ao seu rival de Carbajosa, nun duelo que se resolveu nos instantes finais.

O choque arrincou de xeito adverso para os betanceiros, que encaixaron un parcial inicial de 12 a 3 a favor do equipo anfitrión. As complicacións continuaron nada máis estrearse o segundo período, cando dous dos seus xogadores, Randolph e Ríos, chegaron xa a tres faltas persoais cada un, o que obrigou ao técnico a xestionar con cautela os seus minutos sobre a pista.

A esas dificultades uniuse o dominio do rival na loita baixo os táboleiros, onde Carbajosa capturou 50 rebotes polos 29 que conseguiu sumar o conxunto galego. Aínda así, o Santo Domingo Betanzos foi capaz de manterse no partido en todo momento e chegar con opcións reais de vitoria ata o tramo final. Cando restaban trinta segundos para a conclusión, co electrónico marcando 99-96, os visitantes dispuxeron de tres tiros libres que podían ter achegado aínda máis o resultado, pero soamente acertaron un deses lanzamentos. Apenas quince segundos máis tarde, o conxunto local anotou a canastra que deixou sentenciado o marcador no 101-97 definitivo.

Entre os nomes propios do encontro sobresaíu o júnior Arón Espiñeira, que asinou unha actuación destacada con 25 puntos, un acerto de 5 de 8 nos seus lanzamentos de tres e seis rebotes capturados, cifras que se traduciron nunha valoración de 30 e que o colocaron entre os cinco mellores xogadores de toda a xornada do grupo AB. Tamén foi clave o bo facer dende a liña de persoal do xogador U-22 Nicolás Lagares, que converteu nove dos seus dez intentos para achegar 15 puntos e pechar unha valoración de 19. A estas actuacións sumáronse os 12 puntos de Rozas e a achega de Randolph, quen tras un primeiro tempo irregular conseguiu sumar 15 puntos nos compases decisivos do choque.

O adestrador do equipo, José Armando Pena, alcumado "Soviético", analizou o desenlace do partido pouco antes de iniciar o traxecto de volta cara a Betanzos, unha viaxe que rematou xa de madrugada o domingo. Nas súas declaracións sinalou: "Partido igualado ata o último minuto. Gran traballo de todos os xogadores. O equipo de Carbajosa castigounos moito no rebote ofensivo, o que lles permitiu tirar ata dúas ou tres veces en cada posesión. A pesar da derrota, quedamos cun bo sabor de boca para afrontar os seguintes partidos".

Tras este resultado, o Santo Domingo Betanzos retrocede á novena praza da clasificación, xusto antes de medirse o vindeiro domingo, como local, ao Traumacor Culleredo nun derbi que promete máxima igualdade.

Resultados dispares no resto de equipos do club

A xornada deixou sensacións atopadas para o resto de categorías do Santo Domingo Betanzos. Entre as alegrías, cómpre destacar o triunfo das infantís dirixidas por Warnier, que se impuxeron ao Culleredo por 65-61 no seu partido de primeira división. Tamén sumaron vitoria as cadetes de Decornaveira, que golearon ao Arteixo por 31-77; o equipo sénior de La Goleta, vencedor ante o Oleiros por 70-59; e a plantilla júnior, que superou con claridade á Compañía de María por 78-43.

Por outra banda, os cadetes de J. Caamaño Arquitecto perderon ante o Estudiantes de Lugo por 67-88 no seu encontro de Primeira, malia chegar por diante no marcador ata ben entrado o terceiro cuarto. Tamén se viron superados os infantís masculinos fronte ao Maristas (75-29), o equipo júnior feminino ante o Laracha (47-40), o sénior de Segunda Autonómica contra o Básquet Coruña (94-52) e o sénior feminino, que caeu fronte ao Los Rosales por 35-57.

0.13524603843689