Demolición e multas de ata 1 millón de euros por obras ilegais en Bastiagueiro e Naval

Dúas obras realizadas en parcelas próximas ás praias de Bastiagueiro e Naval, en Oleiros, deberán ser demolidas ou restauradas tras a resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU). O organismo ordena a reposición da legalidade nun prazo de tres meses e abre expedientes sancionadores que poderían derivar en multas de entre 60.000 e 1 millón de euros.
O Concello de Oleiros denunciara ambos casos no ano 2024 ante a APLU ao tratarse de actuacións en zonas afectadas pola protección de costas, ámbito no que as competencias corresponden á Xunta. O Goberno local lembra que, malia contar con Plan Xeral, non pode actuar directamente neste tipo de espazos sen a intervención autonómica.
No caso de Bastiagueiro, a actuación afectou a unha parcela lindante co paseo da praia. Segundo o Concello, a persoa propietaria executou novas edificacións sen solicitar licenza municipal. A Administración local sinala que, aínda que a tivese solicitado, non podería obter autorización, xa que a parte da finca na que se construíu está cualificada polo Plan Xeral como zona verde e situada dentro do espazo de protección de costas.
As obras incluíron a creación de novas estancias e a ampliación dunha pérgola preexistente na mesma finca na que se atopaba a antiga caseta que Francisco Franco utilizaba para o baño.
O segundo expediente afecta a unha finca situada nas proximidades da praia de Naval, en Dorneda. Neste caso, segundo informa o Concello, realizouse un recheo con centos de camións de terra que modificou de forma notable o nivel e a orografía da parcela, elevándoa máis de cinco metros sobre as fincas colindantes. Tras a denuncia municipal, as obras de restauración xa se atopan en execución.
O Concello de Oleiros insiste en que o Plan Xeral urbanístico regula con claridade que actuacións poden realizarse no territorio municipal e lembra que calquera obra precisa axustarse á normativa e contar coa correspondente autorización.