Declarado un novo incendio nas Fragas do Eume mentres continúan controlados os lumes da Capela, A Mezquita e Cospeito

GaliciaXa | TerraChaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Medio Rural mantén despregados numerosos efectivos nos distintos focos activos e investigan a posible intencionalidade do incendio rexistrado en Xermar
incendio-quiroga
23 Jun 2026

A Consellería do Medio Rural informou este martes da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia ata as 08.30 horas. A principal preocupación céntrase nun novo lume declarado na madrugada no concello da Capela, dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, que xa afecta arredor de oito hectáreas.

O incendio iniciouse ás 05.27 horas na parroquia da Capela e, segundo as últimas estimacións provisionais, toda a superficie afectada atópase dentro do espazo natural protexido. Nos traballos de extinción participan tres axentes, catro brigadas, catro motobombas e unha pa.

Ao mesmo tempo, quedou controlado outro incendio rexistrado neste mesmo municipio coruñés. O lume iniciárase o pasado domingo ás 04.06 horas e foi dado por controlado ás 00.55 horas desta madrugada. As estimacións provisionais apuntan a que afectou unhas 30 hectáreas. Para combatelo mobilizáronse dous técnicos, quince axentes, vinte e catro brigadas, vinte e seis motobombas, unha pa, tres helicópteros e dous avións.

Na provincia de Ourense continúa controlado desde as 20.10 horas do luns o incendio forestal da parroquia de Manzalvos, no concello da Mezquita, que entrou desde Portugal durante a mañá do domingo. A superficie afectada en Galicia sitúase arredor das 50 hectáreas. No operativo participan un técnico, quince axentes, vinte e cinco brigadas, dezaseis motobombas, catro pas, sete avións e sete helicópteros.

Por outra banda, o incendio forestal declarado este luns na parroquia de Xermar, en Cospeito, quedou estabilizado ás 20.40 horas tras arrasar unhas cinco hectáreas. O lume iniciouse pouco despois das 16.00 horas nunha xornada marcada polas altas temperaturas, próximas aos 30 graos na comarca da Terra Chá.

A evolución das lapas obrigou a cortar ao tráfico a estrada LU-1706, ao alcanzar o lume ambos os dous lados da vía. Durante as primeiras horas existiu preocupación pola proximidade do incendio á planta de biocompost da zona, onde permanecían traballando cinco persoas, aínda que non había vivendas nas inmediacións.

Non se descarta a orixe intencionada deste incendio, xa que apareceron varios focos simultáneos a ambos os dous lados da estrada. Para a súa extinción mobilizouse un amplo dispositivo integrado por un técnico, tres axentes, doce brigadas, catro motobombas, unha pa, seis helicópteros e dous avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que permanece operativo o teléfono gratuíto 085 para comunicar a detección de incendios forestais, así como o número anónimo 900 815 085 para denunciar posibles actividades incendiarias. Ademais, a cidadanía pode consultar información actualizada sobre os lumes a través da aplicación Alume e da conta oficial @incendios085 na rede social X.

0.1196129322052