Declarada a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra desde esta tarde

ACoruñaXa
A Xunta suspende as actividades deportivas no mar e incide na importancia de extremar as precaucións ante ventos fortes e ondas de ata cinco metros
Imaxe dun temporal na Coruña
4 Jan 2025

A Xunta de Galicia activou esta tarde a alerta laranxa por un temporal costeiro que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno adverso virá marcado por ventos de forza 8 do sur ou suroeste e mar combinada con ondas de ata cinco metros.

O litoral pontevedrés, actualmente en nivel amarelo, pasará a nivel laranxa na madrugada de mañá, mentres que outras zonas como o oeste e suroeste da Coruña, a Mariña lucense e o interior de Pontevedra afrontarán tamén alertas amarelas por precipitacións de ata 40 milímetros en 12 horas e rachas de vento de ata 80 quilómetros por hora.

Para garantir a seguridade das persoas e os bens, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos afectados, deputacións, Protección Civil, clubs náuticos e outros colectivos. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar e instou á revisión dos accesos ás instalacións e dos sistemas de drenaxe.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, evitando diques, rompentes e paseos marítimos, e de extremar as medidas de seguridade ao realizar calquera actividade no mar. Tamén recomenda revisar os cabos e amarres das embarcacións e consultar a páxina web do CIAE 112 para información actualizada e ligazóns de interese.

Os avisos meteorolóxicos manteranse activos durante o día de mañá, ampliándose ás zonas das Rías Baixas, o Miño e o interior de Pontevedra. A Xunta subliña a importancia de seguir estas recomendacións para minimizar riscos e evitar incidentes.

0.15916514396667