Decenas de participantes asisten en Vilasantar á celebración do Día da Bicicleta

Vilasantar volveu apostar este sábado polo deporte ao aire libre coa celebración do Día da Bicicleta, unha iniciativa organizada polo Concello que reuniu a numerosos veciños e veciñas para percorrer en grupo algunhas das paisaxes máis representativas do municipio.
A xornada comezou diante da casa consistorial, punto de encontro dos participantes, que iniciaron un percorrido duns oito quilómetros pensado para todas as idades. A ruta discorreu pola contorna natural de Vilasantar e, aínda que contou con algunhas costas, desenvolveuse nun ambiente familiar e distendido. A organización lembrou a obrigatoriedade do uso do casco para garantir a seguridade de todos os asistentes.
Unha vez rematada a marcha, os participantes recuperaron forzas cun petisco organizado polo Concello antes de participar no tradicional sorteo de material deportivo, unha das actividades máis agardadas da xornada.
Desde o Concello agradeceron a resposta da veciñanza e a participación de todas as persoas que dedicaron a mañá ao deporte e á convivencia, compartindo unha actividade que combina exercicio físico, contacto coa natureza e promoción de hábitos de vida saudables.
O Día da Bicicleta forma parte da programación de actividades deportivas e de lecer que impulsa o Concello de Vilasantar ao longo do ano para fomentar a práctica deportiva entre a veciñanza e promover espazos de encontro entre persoas de todas as idades.