David Bisbal e Bad Religion actuarán no Coliseum da Coruña durante o 2025

ACoruñaXa
O cantante andaluz traerá a súa xira ‘Todo es posible en Navidad’ o 13 de decembro, mentres que a banda californiana celebrará os seus 45 anos o 10 de maio cun festival punk
bad religion
27 Nov 2024

O Coliseum da Coruña segue reforzando a súa axenda musical para o 2025 coa confirmación de dous nomes destacados: David Bisbal e Bad Religion. Estas actuacións consolidan a aposta do Goberno de Inés Rey por atraer grandes eventos culturais e situar a cidade como un referente musical no noroeste.

David Bisbal volverá ao Coliseum o 13 de decembro de 2025, ofrecendo o seu único concerto en Galicia dentro da xira ‘Todo es posible en Navidad’. Tras celebrar os seus 20 anos de traxectoria no mesmo recinto en 2023, nesta ocasión Bisbal traerá un repertorio especial adaptado ás festas navideñas. A xira inclúe só 10 cidades en toda España, o que reafirma a exclusividade da súa parada na Coruña.

“Con actuacións coma esta seguimos demostrando que somos líderes na programación de grandes concertos”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A venda de entradas comezará o xoves 5 de decembro nas canles habituais e na web do artista.

Por outra banda, os lendarios Bad Religion celebrarán o seu 45 aniversario cun concerto no Coliseum o 10 de maio, nun festival punk que tamén contará con Agnostic Front, Strung Out, Crim e Belvedere. A banda californiana, icona do punk rock mundial, inclúe só seis cidades españolas na súa xira, sendo A Coruña unha delas.

“Buscamos ofrecer unha programación variada e de calidade para toda a cidadanía, e este evento é unha mostra diso”, comentou Gonzalo Castro. As entradas para o festival punk estarán dispoñibles o martes 3 de decembro a través da web oficial do evento.

Estes concertos únense a outros xa confirmados na programación musical do 2025, como os de Alanis Morissette, Lenny Kravitz ou Duki, consolidando o Coliseum como un dos grandes epicentros culturais de Galicia.

0.16747498512268