Curtis súmase ao convenio supramunicipal de emerxencias e prevención de incendios
O Concello de Curtis celebrou esta mañá unha sesión plenaria na que se abordaron varios puntos clave para o municipio. Por un lado, aprobouse o POS+ Adicional 1/2025, cunha dotación total de 66.226,82 euros destinados a iniciativas sociais. Entre as partidas destacan 31.000 euros para medidas de conciliación, 22.226,82 euros para o servizo de axuda no fogar que beneficia a máis de 100 familias, e 8.000 euros en axudas de emerxencia para persoas ou familias en risco de exclusión social. Ademais, asignáronse 3.000 euros para a adquisición de equipamento técnico asistencial como camas ou cadeiras de rodas, e 2.000 euros para atencións básicas na modalidade de dependencia.
O segundo punto a debate foi a adhesión ao novo convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as Deputacións Provinciais para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no período 2025-2027. Este convenio foi aprobado cos votos a favor do Partido Popular, mentres que o BNG votou en contra.
A postura do BNG manifestouse como unha crítica ao modelo actual do GES que propón a Xunta e que, segundo os nacionalistas, necesita unha mellor redistribución dos recursos e competencias para garantir un servizo máis eficiente e equitativo.
Con estes acordos, Curtis avanza na planificación de iniciativas sociais e na renovación de estruturas de emerxencia, aínda que non sen discrepancias entre as formacións políticas do municipio.