Curtis repartirá 7.000 euros en vales para impulsar o comercio local con 'O Teu Pobo Premia'

ACoruñaXa
A campaña entregará 35 premios de 200 euros e permitirá participar a quen realice compras nos negocios do municipio ata o 1 de decembro
CURTIS o teu pobo premia
31 Oct 2026

O Concello de Curtis pon en marcha unha nova edición de 'O Teu Pobo Premia', a iniciativa coa que busca fomentar as compras nos establecementos comerciais e hostaleiros de Curtis e Teixeiro. Por cada 25 euros de gasto, a clientela recibirá un boleto numerado para participar no sorteo de 35 vales de compra de 200 euros cada un.

Os negocios repartirán as papeletas ata o 1 de decembro e o sorteo celebrarase o día 4, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. O alcalde, Javier Caínzos, sinalou que a campaña pretende "dinamizar a economía local e dar un pulo ao pequeno comercio de Curtis e Teixeiro", polo que animou a veciñanza a apoiar os negocios do municipio antes do Nadal.

As bases, publicadas no taboleiro de anuncios municipal, establecen que as persoas premiadas poderán recoller os seus vales entre o 4 e o 7 de decembro, de 9:00 a 14:00 horas, na Casa do Concello. Tamén se habilitará unha listaxe de agarda por se algún dos gañadores non retira o seu premio.

Os vales poderán empregarse entre o 7 e o 22 de decembro nos comercios e establecementos hostaleiros do municipio. Para cobrar o importe, as persoas gañadoras deberán presentar no Rexistro Municipal o vale, a factura da compra e un número de conta bancaria. Na factura terá que figurar o concepto "Campaña de promoción do comercio local de Curtis 'O Teu Pobo Premia 2026'".

0.15004014968872