Curtis reforza o abastecemento de auga ante a prealerta por seca e busca novas captacións

ACoruñaXa
O Concello intensifica o control dos consumos e pide ás empresas unha redución proporcional do uso da auga, mentres estuda novas fontes hídricas
CURTIS encoro da castellana
19 Aug 2026

O Concello de Curtis está a reforzar as medidas para garantir o abastecemento de auga ante a situación de prealerta por escaseza na cunca do río Mandeo declarada pola Xunta de Galicia. A ausencia de precipitacións e os baixos niveis de caudal están a incrementar a presión sobre os sistemas de abastecemento, aínda que o Goberno municipal asegura que o subministro a curto prazo está garantido.

Neste contexto, o Concello solicitou ás empresas con maiores consumos unha redución proporcional do uso da auga para adaptar a demanda á situación actual e garantir a continuidade da actividade produtiva. Segundo explica o Goberno local, as industrias están a seguir estas indicacións, o que está permitindo estabilizar o nivel do encoro da Castellana, do que se abastece o polígono industrial de Teixeiro.

Ao mesmo tempo, a empresa concesionaria do servizo está a intensificar a supervisión e regulación dos consumos, tanto nas industrias como entre os abonados domésticos.

O Concello lembra que continúan vixentes as restricións ao uso da auga da rede para fins recreativos, ornamentais ou de limpeza non sanitaria e pide tanto á veciñanza como ao tecido empresarial que reduzan o consumo e fagan un uso responsable do recurso.

Curtis busca novas fontes de auga

Máis alá das medidas de control do consumo, o Concello está a estudar diferentes alternativas para incorporar novas fontes hídricas á rede municipal. Entre as posibilidades que se están analizando atópanse a localización de posibles acuíferos e a execución de pozos ou outras infraestruturas de captación.

O Goberno municipal tamén estuda a posibilidade de cofinanciar a subministración complementaria que deban asumir as industrias debido á situación actual, como a incorporación de auga mediante camións cisterna.

Segundo explica o Concello, a situación actual prodúcese nun contexto de escaseza excepcional, despois dunha primavera especialmente seca e de varios meses con precipitacións por baixo do habitual. A falta de recuperación dos caudais dos ríos incrementou a presión sobre os sistemas de abastecemento e levou á Xunta a activar a situación de prealerta na cunca do Mandeo.

Un sistema reforzado durante os últimos 25 anos

O Concello destaca que o sistema municipal de abastecemento foi reforzado de maneira progresiva durante os últimos 25 anos, cunha ampliación das infraestruturas destinadas a garantir a subministración.

Entre as actuacións realizadas figuran a construción de dúas novas estacións de tratamento de auga potable (ETAP), a incorporación de tres novos depósitos reguladores e a reforma dun azud destinado á subministración do polígono industrial.

Recentemente, ademais, o Concello, en colaboración con Augas de Galicia, executou unha nova infraestrutura de captación mediante bombeo no encoro da Castellana, tendo en conta o crecemento poboacional e industrial experimentado polo municipio.

Con todo, o encoro presenta unha importante acumulación de sedimentos que reduciu a súa capacidade útil arredor dun 60%, unha circunstancia que limita a capacidade de almacenamento de auga precisamente nun momento de baixos niveis.

Unha pista de emerxencia para manter a captación

A baixada do nivel da auga provocada pola seca tamén dificultou a captación desde o pantalán onde están instaladas as bombas. Para evitar que esta situación interrompese o abastecemento, o Concello habilitou unha pista de emerxencia e instalou unha batea de captación conectada mediante unha tubaxe coa localización das bombas.

Esta solución permite manter o fluxo de auga mentres continúan os estudos para buscar alternativas a medio e longo prazo.

Entre estas actuacións figura tamén a posibilidade de acometer o dragado e a limpeza do encoro da Castellana, co obxectivo de recuperar parte da capacidade perdida pola acumulación de sedimentos.

O Concello asegura que continuará traballando na procura de novas alternativas para incrementar a dispoñibilidade de auga e reforzar o sistema de abastecemento ante a evolución da situación meteorolóxica e hidrolóxica.

Mentres tanto, o Goberno municipal insiste na necesidade de que veciñanza e empresas reduzan o consumo ao máximo para contribuír a preservar as reservas dispoñibles durante este episodio de escaseza.

0.78145003318787