Curtis reclama ás compañías de telefonía móbil medidas para resolver a falta de cobertura

ACoruñaXa
O Concello vén de recibir numerosas queixas pola falta de cobertura nas parroquias de Fisteus e Foxado
Imaxe das antenas de cobertura móbil en Curtis
16 Abr 2024

O Concello de Curtis informa de que vén de poñer, unha vez máis, en coñecemento das compañías telefónicas a problemática que se presenta ante a falta de cobertura e solicita, mediante escrito, que se adopten as medidas necesarias para resolver a situación.

Segundo explicaba esta mañá de martes o alcalde, nas últimas datas o Concello vén de recibir numerosas queixas pola falta de cobertura nas parroquias de Fisteus e Foxado. Os reclamantes son veciños e visitantes habituais das parroquias que padecen estes problemas. A pesar de que a falta de cobertura é xeneralizada nas dúas parroquias, as aldeas de Abeledo, A Hedrada, A Pedreira, O Castro, Pontavila e Vilariño en Foxado e Os Godulfes, As Merelas, O Codeso e A Braña en Fisteus son as que se levan a peor parte, ao ter nula ou moi escasa cobertura móbil.

Ademais, apuntaba o alcalde que “a situación é preocupante” para as persoas dependientes de alta no servizo de teleasistencia e de axuda a domicilio así como para explotacións gandeiras ubicadas nesa zona polas dificultades á hora de xestionar a súa actividade diaria.

Engade o alcalde que os visitantes dos aloxamentos turísticos tenden a poñer queixas polo mal funcionamento da cobertura, o que é un claro perxuizo para a zona.

0.11417388916016