Curtis quere poñerlle rostro ao 8M cunha homenaxe ás mulleres que deixaron pegada na vila


O Concello de Curtis, a través da Área de Igualdade, impulsa este ano unha iniciativa participativa con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. A proposta busca render homenaxe ás mulleres da vila que ‘deixaron unha pegada’ nas persoas do seu entorno, poñendo o foco na memoria, no recoñecemento e nos vínculos que sosteñen a vida cotiá.
Para iso, o Concello solicita a colaboración da cidadanía: quen queira participar pode enviar por correo electrónico a foto dunha muller importante na súa vida. O prazo remata o mércores 4 de marzo, e as imaxes deberán remitirse ao enderezo 8mconcellocurtis@gmail.com.
Desde a organización agradecen de antemán a implicación da veciñanza nunha acción que pretende converter o 8M nunha homenaxe compartida, feita coas historias e os referentes máis próximos.