Curtis pecha a tempada de atletismo cunha xornada aberta para a mocidade no Polígono de Teixeiro

O Concello de Curtis celebrará este venres, 19 de xuño, a clausura das actividades de atletismo das Escolas Deportivas Municipais cunha xornada que combinará deporte e convivencia no campo do Polígono de Teixeiro.
A cita desenvolverase entre as 17.00 e as 19.00 horas e terá tamén carácter de portas abertas, permitindo a participación de nenos e nenas nacidos entre os anos 2013 e 2018, independentemente de que formen parte ou non das escolas deportivas municipais.
Durante a tarde organizaranse distintas probas de atletismo adaptadas ás idades participantes, incluíndo modalidades de fondo, velocidade, relevos, lanzamentos e saltos. A actividade contará con inscrición gratuíta e cun máximo de 40 participantes.
O obxectivo desta iniciativa é achegar o atletismo á mocidade do municipio, promover hábitos de vida saudables e dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo da tempada nas Escolas Deportivas Municipais.
A xornada concluirá ás 19.15 horas coa entrega de recordos ao alumnado que participou nas actividades de atletismo durante o curso 2025/26, nun acto que servirá para poñer o broche final a unha nova tempada deportiva en Curtis.