Curtis inaugura a casa-museo da pintora María Antonia Dans
O Concello de Curtis anaugurou este mércores pola tarde a Casa de María Antonia Dans, un C. Trátase da primeira Casa Museo dunha pintora en Galicia, que conta xa con tres edificios: a casa, o estudo onde pintaba e un inmoble intermedio que albergará exposicións doutros artistas. As instalacións contarán tamén cunha mostra permanente da artista con fondos do Concello de Curtis, doazóns e obras cedidas por particulares.
Ao acto de inauguración acudiron o presidente da Xunta de Galicia, Afonso Rueda, acompañado do diputado da Deputación da Coruña José Ramón Rioboo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez o alcalde do municipio, Javier Caínzos e demais autoridades. Aínda que o museo abreu as súas portas no mes de xullo de 2023 as obras totais da casa (tanto en interior como en exterior) veñen de ser agora rematadas.
María Antonia Dans é todo un referente no neoexpresionismo do século XX, onde destacan as súas paisaxes, nas que o rural xoga un papel fundamental. É, ademais, unha das grandes artistas galegas das últimas décadas, sempre cunha visión comprometida á hora de derrubar muros en materia de desigualdade. Nas súas obras sempre reflectía o retrato da Galicia rural da súa época a través dun traballo minucioso e descritivo.
As actuacións supuxeron un orzamento de 449.248,80 euros, dos cales a Consellería de Cultura financiou 250.000 euros e o restante a través de fondos municipais. A Deputación da Coruña colaborou na adquisición do inmoble e nas primeiras obras de rehabilitación, que agora se completan a través da musealización desta casa, que garda un gran respecto co pasado e a historia que alí se gardan.
Esta intervención supón recuperar unha parte do patrimonio histórico do Concello e a figura do artista ademais da edificación principal e auxiliar, de modo que volven ao seu aspecto orixinal mantendo as características e materiais. Trátase da primeira casa-museo dunha pintora en Galicia e o primeiro museo no pobo de Curtis.
O alcalde do municipio, Javier Caínzos, mostrou a súa alegría por achegar a cultura ao rural e en concreto ao pobo de Curtis. Comentou que esta casa-museo ten e terá impactos significativos no pobo e en diversos aspectos da vida comunitaria, dende a preservación do patrimonio cultural ata o fomento do turismo, o desenvolvemento económico e educativo. Engadía o alcalde que un total de 476 persoas visitaron a casa-museo dende a súa apertura a finais de xullo e que se espera que as visitas continúen á alza como ata o de agora.
Pola súa banda, o deputado Rioboo subliñou que “a súa traxectoria e o seu amor por unha Galicia omnipresente na súa obra merecen un espazo como este: rehabilitado, pensado e minuciosamente deseñado para gozar en plenitude da súa obra. O lugar onde todo empezou, onde forxou a súa vocación e o seu gran talento artístico”
Ademais, o deputado quixo engadir que “Dans era unha adiantada ao seu tempo, e tamén por iso é tan loable o seu traballo, xa que expresa as dificultades polas que pasaban miles de galegas e reivindica unha loita polos dereitos civís das mulleres que non estaba tan vixente no século pasado”.