Curtis esixe a ADIF unha solución urxente para o paso peonil suprimido en Teixeiro

O Concello de Curtis vén de trasladar novamente a súa preocupación a ADIF pola situación de inseguridade que padecen os veciños e veciñas do núcleo urbano de Teixeiro desde a supresión do paso a nivel peonil. O Goberno local reclama unha solución “segura e accesible” que poña fin a unha problemática que leva anos sen resposta efectiva.
A única alternativa actual é un túnel baixo a vía do tren que conta cunha beirarrúa estreita, sen cumprir a normativa de seguridade e que, segundo denuncia o Concello, resulta especialmente perigosa nos días de choiva, cando se enche de auga e barro. Esta situación obriga a moitas persoas a camiñar practicamente pola calzada.
O malestar entre a veciñanza é crecente. Segundo recolle o executivo local, hai persoas que aseguran sentirse tan inseguras que prefiren cruzar directamente as vías do tren, malia o risco evidente. Algúns veciños mesmo relataron situacións de perigo, como caídas ou momentos nos que tiveron que ser axudados para cruzar.
Desde o ano 2011, o Concello de Curtis vén solicitando a ADIF a construción dun paso peonil a distinto nivel, xa sexa superior ou inferior, que permita conectar de forma segura ambos lados da vía. Porén, a última actuación da entidade ferroviaria —a colocación dunha nova valla— non fixo máis que agravar a situación, ao dividir fisicamente o núcleo urbano e obrigar á veciñanza a empregar un paso subterráneo estreito, mal iluminado e sen garantías de accesibilidade.
O alcalde, Javier Francisco Caínzos, lembrou que “no núcleo urbano de Teixeiro residen máis de 1.500 persoas, das cales máis de 300 viven ao outro lado da vía, polo que esta situación non é aceptable nin asumible, especialmente cando se trata dunha zona consolidada e con alto tránsito peonil a diario”.
O Concello insiste, unha vez máis, na súa petición formal para que ADIF inclúa esta actuación con carácter de urxencia na súa planificación de infraestruturas, esixindo unha solución que priorice a seguridade e accesibilidade da cidadanía.