Curtis entrega 5.100 euros en axudas a 17 familias para fomentar a natalidade
O Concello de Curtis fixo entrega das axudas á natalidade a un total de 17 familias, nun acto presidido polo concelleiro de Xuventude, Medio Ambiente e Infraestruturas, Iván Maques, e a concelleira de Cultura e Deportes, Julia Díez. En total, repartíronse 5.100 euros entre os beneficiarios desta iniciativa.
O programa, coñecido como “cheque bebé”, outorga 300 euros por cada menor nacido ou adoptado entre o 16 de novembro de 2023 e o 15 de novembro de 2024. Este apoio económico ten como principal obxectivo incentivar a natalidade no municipio, ademais de promover a retención poboacional.
Con esta iniciativa, o Concello busca contribuír ao benestar das familias novas e reforzar o seu compromiso co futuro demográfico da localidade. “Estas axudas son un recoñecemento ao esforzo das familias e un xeito de apoiar o crecemento sostible da nosa comunidade”, destacou Iván Maques durante a entrega.