Curtis e o comité de empresa de Losán aliñan posicións e reclaman unha intervención urxente para salvar a actividade industrial

O Concello de Curtis e o comité de empresa do Grupo Losán (Losán e Aserpal) decidiron pechar filas e coordinar unha folla de ruta común para tentar asegurar o futuro das fábricas e do emprego. O alcalde, Javier Caínzos, mantivo unha reunión de traballo cos representantes do persoal despois de que o pleno municipal aprobase por unanimidade un acordo de respaldo á plantilla.
Segundo trasladaron os comités, a situación laboral segue a deteriorarse: á marxe da paga extraordinaria e dos compromisos pendentes dos acordos colectivos, aseguran que se lles deben dúas nóminas, nun escenario de caída da actividade e parón produtivo. Concello e traballadores coincidiron en que o momento é límite e que se precisa unha resposta inmediata.
O goberno local comunicou que xa activou a vía institucional para pedir ao Goberno de España unha intervención directa, ao entender que se trata dun grupo con presenza en varias comunidades e dunha dimensión que excede o ámbito municipal. A intención, segundo expuxo Caínzos, é que o Estado lidere unha reordenación da débeda que permita recuperar a produción ao 100%, coa colaboración da Xunta (a través da Consellería de Industria).
Entre os compromisos asumidos no encontro figura informar aos comités de cada resposta que chegue da SEPI, do Ministerio ou da Xunta, ademais de facilitar instalacións municipais para a celebración de asembleas e reunións. En paralelo, o Concello esixirá á propiedade e á dirección da empresa que 'dea a cara' e presente canto antes un cronograma de pagos e un plan de viabilidade.
A preocupación local céntrase no impacto social dun posible freo prolongado: desde o Concello lembran que arredor de 200 empregos directos dependen das instalacións do grupo na zona e que, sumando actividade auxiliar, transporte e loxística, a afectación podería estenderse a centos de fogares.
Ademais, os comités pediron ao alcalde que convoque aos rexedores da comarca para impulsar un manifesto conxunto en defensa do persoal e do mantemento da actividade nas dúas fábricas. Esa xuntanza quedou fixada, segundo o acordado, para este luns 12.